AVISOS
01/12/2017
Día da Edición, 17 de decembro
libros con bonecos
Efeméride destacada do Calendario do Libro e a Lectura no mes de decembro

A edición é o proceso final dun traballo previo de creación. É a meta, o momento de dalo a coñecer ó mundo. A edición supón a visibilidade do creado, a difusión, o coñecemento ó que aspira todo creador para a súa obra. Ese é o auténtico nacemento, cando esa peza artística, literaria, dixital, divulgadora ou lúdica, que despois dun arduo traballo de xestación, en calquera que sexa o seu soporte, ve por fin a luz.

Na actualidade as ferramentas tecnolóxicas modernas rompen coas tradicións e facilitan moitas das veces que o autor sexa tamén o editor, algo inusual tempo atrás.

O Día da Edición conmemora o nacemento do editor Ánxel Casal, un 17 de decembro de 1895. Emigrante en dúas ocasións, a Arxentina e Francia, recala na Coruña onde se integra nas Irmandades da Fala, sendo o seu primeiro mestre de galego. Funda as editoriais Lar e Editorial Nós da que abrollaría a revista Nós e tamén A nosa Terra, ademais doutras publicacións como foron as revistas Claridad e Ser, revistas de vangarda da época. Membro do Partido Galeguista dende o seu inicio, aséntase en Santiago en 1931, cidade da que foi alcalde en 1936 ano no que morre ó pouco tempo, asasinado en Cacheiras.