AVISOS
17/05/2016
Día das Letras Galegas
Detalle do cartel da exposición
Manuel María, poeta lucense homenaxeado no DLG 2016

O Día das Letras Galegas é un día de recoñecemento da nosa identidade. Por unha banda de recoñecemento da nosa lingua e por outra de toda a creación que da súa riqueza xurde. A través dos grandes homes e mulleres que foron e son artífices da nosa literatura, aprendimos o sentir da sociedade galega de todos os tempos, a súa evolución, o que somos e onde estamos e onde queremos chegar. O pulso da vida está presente en cada texto sexa poético, narrativo, dramático, xornalístico, de ficción... Cada palabra encerra o instante revelado para nutrición dun colectivo orgulloso de si mesmo polo mundo adiante.

Este ano, o Día das Letras Galegas dedícase a Manuel María, poeta que soupo chegar ós de arriba e ós de abaixo, ós máis cultos e ós menos, porque cando se está ben enraizado no profundo da terra, se conecta, e é nesa comuñón, nese momento sen egos que anida a humildade no corazón convertíndose así en puro don; e é entón, nese interin, que aflora a obra de arte.