AVISOS
02/11/2016
Mes da Ciencia
Logo do cartel
Novembro, mes da ciencia . Manifesto 2016

“Solo el que sabe es libre, y el que más sabe es más libre”. Miguel de Unamuno
Encántame a definición da ciencia como un sistema de coñecementos ordenados. Cando os nenos preguntan insistentemente, e ás veces fastidiosamente, “por que?”, están establecendo as bases dos seus coñecementos. Amplialos e ordenalos será unha tarefa que poderá enriquecelos ao longo da súa vida. Porque unha das marabillas do pracer de aprender é que nunca se termina de aprender.
Penso que todos nós deberiamos de ser conscientes de que construír un futuro para o noso país é construír un futuro para o mundo, e esa construción haberá de basearse na sabedoría daqueles que nos precederon, pero tamén na daqueles que están a traballar, a investigar e a descubrir todos os días.
Os coñecementos científicos marcan a historia da humanidade no seu sentido máis amplo, xa que esta non podería entenderse se non o fose dende o desenvolvemento da tecnoloxía baseada sempre na ciencia: dende a agricultura á máquina de vapor e aos voos espaciais.
Ao tempo, os humanos temos un instrumento único para á transmisión do coñecemento: a linguaxe. Unha linguaxe diversa e rica ao longo do mundo e que para os galegos é especialmente vantaxosa, xa que, unida ao noso irmán o portugués, podémonos entender con 280 millóns de habitantes, e aínda máis, cos 400 millóns que falan español. Somos ricos en número, está claro, pero ademais somos ricos en matices, en xiros, en sutilezas. Esta riqueza da nosa lingua estou certa de que nos axuda a ver o mundo dende a reflexión e a dúbida. Non é acaso esta actitude a clave para nos aproximar ao coñecemento?
A globalización na que vivimos é tamén outra enorme vantaxe para achegarnos ao coñecemento. Un coñecemento que está recollido basicamente na inxente bagaxe das nosas bibliotecas, a día de hoxe moitas delas públicas, e tamén, e cada vez máis, dende a facilidade das comunicacións informáticas. Hoxe vivimos en Galicia, e dende Galicia vivimos no mundo.
Isabel Aguirre