A Biblioteca
Sala de lectura
Sala de lectura

Biblioteca de Galicia é a biblioteca central do Sistema Galego de Bibliotecas. Como centro promotor da cultura galega debe velar pola recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia e custodiar todos os libros, en calquera tipo de soporte, que se editan en Galicia, ou fora dela cando traten temas galegos ou se editen en galego.

 Co obxecto de fornecer servizos bibliotecarios de calidade, ademais de conservar e difundir os seus fondos, así como un valioso conxunto de coleccións de publicacións singulares, a Biblioteca de Galicia é o centro de conexión da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia co ámbito bibliotecario internacional.

A Biblioteca de Galicia configúrase como un centro moderno, xestor, difusor e conservador tanto de materiais tradicionais impresos (libros e publicacións periódicas, gravado, fotografía, etc.), como de novos soportes (sonoros, audiovisuais, electrónicos, etc.) a través de consultas e servizos realizados in-situ, na súa localización da Cidade da Cultura, como realizados en liña ou a través de consultas á súa ampla e pioneira biblioteca dixital. A súa presenza física na Cidade da Cultura de Galicia supón tanto un desafío como unha oportunidade de lle ofrecer a toda a sociedade galega e de fóra de Galicia un amplo abano de servizos á disposición do público xeral e do investigador a partir do ano 2011.

Como centro depositario do patrimonio bibliográfico máis valioso de Galicia, a Biblioteca de Galicia está orientada fundamentalmente a investigadores, estudosos ou persoas interesadas na cultura galega. Os fondos en soporte físico resultan accesibles para as persoas dedicadas á investigación, sexa académica ou derivada dun interese particular, que poden acceder á documentación nas dependencias deste centro. Tamén ofrece fondos dixitalizados a través da rede en Galiciana, así como un catálogo de acceso público. A tranquilidade das súas salas está aberta ao público lector en xeral, con instalacións axeitadas para desenvolver a actividade intelectual nun marco arquitectónico incomparable.

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia, cuxa misión é a de preservar e difundir de xeito virtual o rico patrimonio documental e bibliográfico galego. Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas.

  Folleto 12y 4.