CATÁLOGOS E COLECCIÓNS
Biblioteca de Agustín Sixto Seco
Biblioteca do autor
Biblioteca do autor

A biblioteca de Agustín Sixto Seco está dispoñible para a súa consulta como un depósito en réxime de comodato, realizado pola súa familia, en marzo de 2013. Formada por máis de 4.000 volumes con fondos da edición galega de posguerra, especialmente da editorial Galaxia,  fondos americanos procedentes da emigración, obras sobre temas históricos, relixiosos, políticos, educativos, literarios e demais ámbitos, así como de Galicia e medicina. Un arquivo amplísimo de documentos e correspondencia, testemuños da sociedade do século XX, cos intelectuais da época, figuras relevantes da nosa cultura, como Castelao e Otero Pedrayo, e con institucións nacionais e internacionais. Numerosos dossieres que xunto coa documentación recompilada trala súa morte, conforman un mapa completo da historia recente de Galicia. 

Cartas, notas persoais, conferencias, discursos, entrevistas, artigos xornalísticos, casetes, vídeos, DVD, CD, disquetes –incluídas todas as gravacións do programa radiofónio Parladoiro– e fotografías.

Biografía

Agustín Agustín Sixto seco nace en San Vicente de Meá, Mugardos, o 3 de decembro de 1926. Nesa localidade reside ata que marcha a estudar a Santiago. Fillo dun traballador da Bazán e neto de mariñeiro, viviu a súa infancia entre os desacougos do mar e da Guerra Civil, que causou fortes estragos na súa familia. 

Cursa o bacharelato na Academia Repariz de Ferrol, en menor tempo do estipulado, con resultados brillantes. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, especialízase en Ortopedia e Traumatoloxía, materia na que pronto destaca, como o demostran os seus estudos científicos e as achegas nas actas dos congresos nos que participou.

Persoa moi activa, de forte perseveranza e ilusión constante, soubo compaxinar á perfección, grazas á súa eficaz capacidade organizativa, a actividade clínica coa participación entusiasta na vida cultural galega, campos ambos aos que se sentía vencellado por igual. A súa curiosidade e sensibilidade polo seu contorno lévano a frecuentar o faladoiro literario de Otero Pedrayo, con García-Sabell, Bouza-Brey, Fernández del Riego, Filgueira Valverde, Isaac Díaz Pardo, Isla Couto... Constituían estes a nova xeración na que Pedrayo depositou os seus soños, que tanto vitalismo lle infundían e cos que mantivo unha longa relación epistolar, na que o inmenso amor a Galicia e a defensa dos seus dereitos era o centro.  

Sixto Seco mantivo con Otero Pedrayo unha ampla correspondencia, na que compartían, entre outras moitas cousas, a admiración por Castelao e Rosalía Castro, aos que sempre lles foi fiel, como así llo foi ao propio Otero Pedrayo. Esta fidelidade levouno a presidir o Padroado Rosalía de Castro e a Fundación Otero Pedrayo, institucións coas que chegou a acadar unha presenza activa e consolidada no plano público. Mais o compromiso de Agustín Sixto Seco chega moito máis alá, pois os principais piares da cultura galega están tocados pola man sensible e xenerosa desta figura que, cun traballo serio e constante, soubo non só sacar do letargo a casa Rosalía e o pazo de Trasalba, senón tamén darlle pulo a institucións como o Centro Ramón Piñeiro, o Museo do Pobo Galego, fundacións como a Penzol e a Camilo José Cela, Editorial Galaxia, SEPT, Consello da Cultura Galega, Instituto Galego da Información (IGI)...  e poñelos no lugar que lles corresponde, para honra do patrimonio cultural galego.

Home clave na medicina galega e intelectual de altura, que traballou arreo pola cultura galega, desempeñou numerosos cargos, tanto médicos coma culturais.

No ámbito médico funda en 1964, con Fernández Albor, o Instituto Policlínico e Centro Médico La Rosaleda, do que logo foi o máximo responsable e xefe de Departamento de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, ata a súa morte, o 30 de decembro de 2004. Foi membro de diversas sociedades españolas e internacionais: Sociedad Española de Cirugía Ortopédica y Traumática (SECOT) (1953), da Sociedade Internacional de Cirurxía Ortopédica e Traumática (SICOT) (1957), das sociedades españolas de Rehabilitación (SER) (1967) e Reumatología (SEREUMA) (1968), presidente da Sociedad Española de Cirugía Ortopédica y Traumática, en 1982, e senador desta tres anos despois, entre outras.

Como membro de entidades galegas destaca: Sociedad de Cirugía de Galicia (SOCIRGA), da que foi fundador en 1974; menbro do Consello Galego de Sanidade (1979) e, tamén neste ano, membro de honor da Sociedad Argentina de Ortopedia y Traumatología. No ano 1980 funda a Sociedad Gallega de Ortopedia y Traumatología, da que foi o primeiro presidente.

Publicacións: Proceso en Galicia a las prótesis totales de cadera (1971), Sentencia en Galicia a las prótesis totales de cadera (1985), decenas de relatorios e comunicacións en congresos e un filme de documentación científica: Artrodesis lumbosacra (color 36 mm, 35 minutos, 1979). Froito da súa actividade no eido xornalístico, aparece Entre portas (selección de artigos. Editorial Compostela - Caja Madrid, 1977).

En 1970 obtén o Premio Nacional de Ortopedia.

No eido cultural tivo importantes papeis: foi conselleiro da Editorial Galaxia (1954), director xerente da Editorial SEPT (1960), presidente do padroado da Fundación Rosalía de Castro (1970) e do da Fundación Otero Pedrayo (1979), patrono das fundacións Penzol (1988), Castelao (1989), Camilo José Cela (1990) e Alfredo Brañas (1994), patrono fundador do Museo do Pobo Galego (1976). Tamén foi secretario do Consello da Cultura Galega (1983) e membro do Consello Reitor do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades (1995).

Entre as numerosas distincións que tivo na súa vida destacan:

Membro da Real Academia Galega (1980), Socio de honor e medalla de ouro do Centro Gallego de Buenos Aires (1992), Premio Percebe de Plata (Barcelona, 1995), medalla de prata de Galicia (1996), Cruz do Mérito Naval (1999) con distintivo branco.

A título póstumo, 2005: Medalla de Ouro de Galicia, Medalla de Ouro da Fundación Camilo José Cela e Premio Trasalba.

En 2013 créase o premio Emprende Gaiás-Sixto Seco, en apoio aos emprendedores das industrias culturais.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS