CATÁLOGOS E COLECCIÓNS
Biblioteca de Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo

O depósito bibliográfico e documental é dunha grande importancia para a recuperación, conservación e difusión da cultura galega, contemplada desde as múltiples expresións dos seus creadores, da literatura, das artes, da prensa e das relacións socioculturais e políticas, e para un mellor coñecemento da historia de Galicia no século XX, en especial da Galicia exterior e máis concretamente, da intelectualidade galega exiliada. Esta colección non só contén libros, revistas e prensa, senón tamén documentación variada, composta entre outros, por arquivos fotográficos, epistolarios, planos, bosquexos e documentación de reunións.

Biografía

Isaac Díaz Pardo nace en Santiago de Compostela no ano 1920, fillo do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, galeguista comprometido coa recuperación da cultura galega durante a Segunda República española, perfil paterno que o marcará de por vida.

Na súa infancia entra en contacto con personalidades do talle de Asorey, Eduardo Blanco Amor, Castelao, Ramón Cabanillas, Vicente Risco o Antón Vilar Ponte, que se reunían no obradoiro do seu pai, membro das Irmandades da Fala, ou na imprenta de Ánxel Casal, amigo da familia

En 1936 participa activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía. Ao pouco de comezar a Guerra Civil o seu pai morre fusilado e Isaac ten que esconderse na casa do seu tío e logo traballar como rotulista na Coruña

Ao terminar a guerra gaña unha bolsa de estudos de Artes Plásticas da Deputación Provincial da Coruña, que lle permite cursar estudos ata 1942 na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, e participar nunha experiencia pioneira sobre deseño industrial dirixida por Carlos Sáenz de Tejada. Completa a súa formación cunha viaxe de final de carreira a Italia, experiencia que lle permite descubrir a pintura do Renacemento en Roma Florencia e Siena.

Ao seu regreso, obtén unha praza de profesor na Real Academia de Bellas Artes de San Jorge de Barcelona e inicia unha etapa de dedicación plena á pintura con exposicións en España e no estranxeiro; etapa que abandona para emprender un proxecto empresarial baseado nas artes plásticas a prol da modernización e internacionalización da cultura galega e da recuperación da historia deste país.

Díaz Pardo funda con outros socios en 1947 a fábrica de Cerámicas do Castro situada no Castro de Samoedo en Sada (A Coruña). Nesta pequena fábrica ensaia coas materias primas usadas nas primitivas cerámicas de Sargadelos (Cervo, Lugo) creadas no século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez, para obter un produto de alta calidade.

Viaxa á Arxentina en 1955 onde coñece aos galeguistas exiliados. Alí monta unha fábrica de cerámica en Magdalena, preto de Bos Aires, entabla amizade con Luis Seoane e participa co pseudónimo Ollarnovo na revista "Galicia Emigrante". Nesta etapa escribe "Discusión sobre organización de industrias manufactureras", artigo que ía encamiñado a formar "unha conciencia industrial en Galicia atenta á realidade industrial internacional".

En 1963, Isaac Díaz Pardo funda en Arxentina o Laboratorio de Formas coa colaboración de Seoane e doutros intelectuais galeguistas exiliados como Laxeiro, Rafael Dieste, Lorenzo Varela ou Eduardo Blanco-Amor aos que se incorporaría posteriormente o arquitecto Andrés Albalat. Desde esta institución toman forma outros proxectos, unhas empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia como o Complexo Industrial Sargadelos e Ediciós do Castro en 1963, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e o Instituto Galego de Información (a partir dunha idea do xornalista Lorenzo Varela) no ano 1970, ou o novo Seminario de Estudos Galegos. O Museo Carlos Maside xurdiu ante a necesidade de recoller a obra e a documentación dos artistas da xeración dos anos trinta, e ampliou posteriormente os seus obxectivos como testemuña da creación artística contemporánea galega.

A inxente actividade rexeneradora promovida por Isaac Díaz Pardo atinxe todo tipo de actos e iniciativas en que se plasma a súa idea, afastada das visións folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro.

No campo literario cultiva varios xéneros: teatro, crítica, ensaio, onde destacan obras como "Xente do meu Rueiro", "O ángulo de pedra", "Galicia hoy", "Paco Pixiñas", "El marqués de Sargadelos", "Castelao", etc, os cartaces de cego, e unha gran cantidade de artigos xornalísticos.

Esta dilatada e rica traxectoria vital acadou un notable recoñecemento social e intelectual con importantes distincións, entre as que cabe destacar: o Pedrón de Ouro (1976), Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), Premio Otero Pedrayo das Deputacións Provinciais (1990), Insignia de Ouro (1991) e doutor Honoris Causa da USC (1992), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), doutor Honoris Causa pola UDC (2007), etc

Este polifacético galeguista morre na Coruña na mañá do 5 de xaneiro de 2012.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS