EXPOSICIÓNS
Manuel Antonio. A rebeldía dunha sensibilidade
01 Xullo 2015
31 Agosto 2015
Manuel Antonio
Coordinador/a:
Charo Crespo e Charo Ferreiro

Manuel Antonio (1900-1930) é un poeta vangardista. De espírito rebelde e dun galeguismo exacerbado –sen reflexo directo na súa poesía-, trouxo unha escrita que escachou os moldes da lírica galega. A exposición recolle tanto a súa obra orixinal como versións noutras linguas, estudios realizados da mesma, carteis, material fonográfico...

Carta náutica

En 1928 apareceu o único libro publicado en vida por Manuel Antonio. De catro a catro, en 1928, marca o punto de partida de da exposición A rebeldía dunha sensibilidade, como mensaxe dura e intensa dun poeta abrumado pola incerteza, e tan necesitado como carente dun punto de apoio onde encontrar a imposible solidez da realidade. Quizais necesitado dunha galerna desatada dunha vez, cando cada instante a anuncia e nunca acaba de suceder completamente. Na palabra quedan marcados os latexos dun tempo que se afasta; os medos esenciais de quen se estarrece sen resposta ante unha claridade próxima, á que se ve incapaz de acceder.

Toda a travesía leva o golpe real da onda contra a amura, no punto onde o barco significa pouco na xeometría do océano e do ceo distante; en cada verso aparece un home que se mergulla nunha moi difícil intensidade vital, e que tira dela unha cadencia misteriosa de brétemas, onde xamais aparecerá o canto da serea. Non busca nada; tampouco evita o que as súas emocións lle van espertando. Quizais a soidade e o baleiro, onde se tensan os cabos dun pulmón enfermo; quizais o fume disipado polo vento, que promete un encontro detrás do horizonte.