AVISOS
22/04/2020
#aculturasegue – Día do Libro 2020: Libros únicos nas bibliotecas galegas
O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor.

No día en que se conmemora o libro como elemento de ocio e coñecemento, a Biblioteca de Galicia quere destacar algunhas edicións cuxos exemplares únicos están custodiados nalgunha das bibliotecas da nosa Comunidade Autónoma. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego (CCPBG), os técnicos da Biblioteca de Galicia seleccionaron, como unha pequena mostra, as seguintes 5 obras das que só se conserva un exemplar nas institucións da memoria galegas. Nesta pequena selección tamén incluímos algunha das achegas que nos fixeron chegar investigadores de todo o mundo que se puxeron en contacto coa nosa biblioteca.

O primeiro título que queremos destacar é unha obra do gran arquitecto galego Domingo Antonio de Andrade, a quen ademais se lle dedicou este ano 2020 o Día das Artes Galegas. Trátase de Excelencias, antigüedad y nobleza de la arquitectura, publicada por Antonio Frayz na cidade de Santiago en 1695. É un tratado teórico no que Domingo de Andrade deixa constancia da súa ampla formación académica neste eido e na que reivindica á arquitectura como algo máis ca unha simple arte mecánica. No CCPBG atopamos un só exemplar desta obra custodiado na Biblioteca Pública de Lugo. Aínda que a Real Academia da Historia fala de que se conservan tres exemplares deste libro, no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español, xestionado polo Ministerio de Cultura e Deporte, só aparece información dun segundo exemplar custodiado na Biblioteca Real de Madrid.

 

O seguinte libro que queremos poñer en valor é a obra de Ovidio, Pub. Ovidii Nasonis Metamorphoseon libri XV. : in singulas quasque Fabulas Argumenta. Esta edición ilustrada da Metamorfosis de Ovidio, impresa en Frankfurt en 1599, é un exemplar único en España. Pertence ao Fondo Bibliográfico ABANCA, depositado na Biblioteca de Galicia desde o ano 2014. Nestes momentos atópase en proceso de dixitalización. No resto de Europa, a Biblioteca Estatal de Baviera conta no seu catálogo con dous exemplares desta mesma edición de 1599, dos que ofrece acceso a súa copia dixital. No proxecto Google Books tamén se pode acceder as imaxes dixitais dun deses exemplares. Para coñecer máis datos de todas as edicións impresas entre os séculos XV ao XIX que se atopan nas bibliotecas españolas é imprescindible a consulta da Biblioteca Dixital Ovidiana. Este sitio web, dedicado integramente á obra ilustrada de Ovidio, é un proxecto impulsado desde a Universidade de Santiago de Compostela que se puxo en marcha no ano 2007.

 

Outra obra custodiada na Biblioteca de Galicia, e da que actualmente non existe información doutros exemplares no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español, é o Libro del Asno de oro, publicado en Alcalá de Henares en 1584. Este exemplar único da obra do escritor romano Apuleyo está falto de portada, e del fai referencia o bibliógrafo Julián Martín Abad no seu estudo en tres volumes, La imprenta en Alcalá de Henares: 1502-1600.

 

Tamén procedente do fondo bibliográfico ABANCA é o libro Antipatia de francesi, e espagnuoli, do escritor e médico español Carlos García (1580 – 1630?). O exemplar que custodia a Biblioteca de Galicia é, polo momento, o único do que hai referencia nas bibliotecas españolas. Trátase da edición en italiano publicada en Milán en 1635. A obra orixinal foi publicada en 1617 baixo o título Oposición y conjunción de los dos grandes luminares de la tierra o La Antipatía de franceses y españoles. Segundo o Dicionario Biográfico da Real Academia da Historia trátase “dunha obra propagandística que celebra o dobre matrimonio real acordado en 1615 entre as Monarquías francesa e española. Baixo o espírito da concordia, uníronse naquela ocasión, por unha banda, Isabel de Borbón e Felipe IV, e, por outra, Ana de Austria e Luís XIII. Con estas vodas debía terminar a rivalidade e animadversión que enfrontara ás dúas grandes potencias europeas durante décadas. Para enxalzar literariamente tan memorable acontecemento, o autor compárao coa conxunción astral e máxica de dúas luminarias opostas”.

 

Nunha das súas obras Carlos García comenta que saíu de España polo seu natural deseo y apetito de saber”. Esa curiosidade por saber tamén definiu o periplo vital do noso seguinte autor, Manuel Pardo de Andrade (1760-1832). Na web da Real Academia Galega pódese ler que Pardo de Andrade é o príncipe dos xornalistas galegos, foi un activista da causa liberal. Para a Academia teñen especial importancia os seus textos en galego. Deles, o máis relevante é o manifesto anti-inquisitorial titulado Os rogos dun gallego establecido en Londres. A primeira edición, impresa na

Coruña no ano 1813, apareceu como anónima, igual que as seguintes. A cuberta da edición de 1841 contén este eficaz título: Rogos dun escolar gallego á Virxe do Bo Acerto pra que libre a terra da Inquisición. O folleto de Pardo de Adrade foi lido e declamado en cidades, vilas e aldeas de Galicia e constituíu un extraordinario suceso editorial”. Desa primeira edición da que fala a RAG só se conserva un único exemplar na Fundación Penzol de Vigo.

 

A edición de 1652 de Poesías varias, heroycas, satiricas y amorosas, de Francisco Trillo y Figuerora, ou Los colloquios satiricos, con vn colloquio pastoril, y gracioso al cabo dellos, de Antonio Torquemada, en su edición impresa en Mondoñedo por Agustín de Paz en 1553, son outros títulos que poderían servir como mostra deses exemplares únicos que se conservan nas bibliotecas galega. Neste Día do Libro do ano 2020, inmersos nunha sociedade acostumada a que existan múltiples unidades de case todos os seus produtos de consumo, a Biblioteca de Galicia quere poñer en valor a importancia da conservación dos libros como soportes de cultura e coñecemento.