AVISOS
10/01/2018
Arquivo Web de Galicia, primeira colleita do dominio .gal
Globos de cores e dentro 'punto gal'
Depositar os recursos de Internet, algo fundamental para adaptarse á realidade da era dixital

A Lei 23/2011, do 29 de xuño, de depósito legal incorpora a novidade da obriga de depositar os recursos de Internet, algo fundamental para adaptarse á realidade da era dixital. Non se pode esquecer que a finalidade para o arquivo dos recursos en liña e para os recursos con soporte físico tanxible é a mesma: conservar e difundir o patrimonio bibliográfico.

No Real Decreto 635/2015, do 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña especifícase como recoller, preservar e dar acceso a estes recursos que por primeira vez son obxecto de depósito legal, os sitios web e as publicacións en liña.

Por “publicación en liña” enténdese a información ou contido de calquera natureza difundido nun soporte electrónico non tanxible, arquivado nun formato determinado e susceptible de identificación e tratamento diferenciado, que sexa obxecto de difusión. Os sitios web considéranse publicacións en liña.

O Arquivo da Web Española é a colección formada polos sitios web (incluídos blogs, foros, documentos, imaxes, vídeos, etc.) que se colleitan co fin de preservar o patrimonio documental español na Internet e asegurar o acceso ao mesmo.

Para levar adiante o arquivado web a Biblioteca Nacional de España optou por un modelo de colaboración coas comunidades autónomas. A BNE decidiu poñer a disposición dos centros conservadores das autonomías as ferramentas informáticas necesarias para traballar conxuntamente con elas na selección das URL do arquivado web. En Galicia o centro de conservación das publicacións en liña é a Biblioteca de Galicia.

No eido das publicacións en liña é importante destacar que a Comunidade Autónoma de Galicia conta cun dominio propio na Internet para a lingua e a cultura galegas, o .gal. Contar con este dominio facilita moito as tarefas a hora de establecer a xestión do depósito legal das publicacións en liña. A obrigatoriedade de estar rexistrado para poder publicar un sitio web asociado a .gal facilita que todos os nomes deste dominio estean identificados e permite que o depósito legal sexa  un instrumento fiable para garantir a conservación futura de todos eses sitios web rexistrados baixo o dominio .gal.

Baixo estas premisas a Biblioteca Nacional de España completou, por encargo da Biblioteca de Galicia, a primeira recolección do dominio .gal, que pasa a formar parte da colección web de Galicia e do seu depósito legal electrónico, cuxa xestión é responsabilidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Biblioteca de Galicia.

A operación realizouse sobre unha listaxe de 4.261 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, entidade responsable da xestión do dominio galego. Aproximadamente a metade deles non ten contido, a maioría por ser só dominios reservados. Da outra metade, un 26% recolectouse na súa totalidade, mentres que o resto alcanzou o límite de tamaño de 150 MB por dominio, o mesmo que se estableceu para a última recolección masiva do dominio .es.

Desde xullo de 2017 estes contidos están accesibles a través de terminais seguros nos centros de conservación das comunidades autónomas que o solicitaron, a propia Biblioteca de Galicia entre eles, e na Biblioteca Nacional de España.

Enlaces de interese: 

http://www.bne.es/es/Colecciones/ArchivoWeb/index.html

http://dominio.gal/  

http://asociacion.dominio.gal/