AVISOS
17/12/2020
Bicentenario de Concepción Arenal na Biblioteca de Galicia
imaxe Concepción Arenal
A BdG presenta unha detallada bibliografía sobre Concepción Arenal

Posiblemente a todo o mundo sóalle o nome de Concepción Arenal. Todos recordan seguramente o nome dun colexio, dun instituto, dunha rúa ou praza, ou dunha institución pública que leva tal apelativo. Pero sería moito máis difícil atopar alguén que saiba explicar, aínda que sexa en dúas palabras, por que nalgún momento alguén decidiu darlle tal honor á posuidora de tal nome.

 

Para contribuír á difusión da figura desta muller excepcional, a Biblioteca de Galicia puxo en marcha neste ano 2020 dúas iniciativas. A primeira delas é a mostra bibliográfica Concepción Arenal: bicentenario 1820-2020, que se poderá visitar no vestíbulo do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia ata finais de xaneiro de 2021, e para a que se seleccionaron as obras máis destacadas do fondo que custodia a biblioteca relacionados con esta prolífica escritora, activista na defensa dos dereitos da muller, dos desamparados e da clase obreira.

 

A segunda das iniciativas impulsada pola Biblioteca de Galicia é a elaboración dunha detallada bibliografía na que se reflicte a inmensa produción intelectual desta muller incomparable. En total son algo máis de 120 páxinas nas que se poden consultar, por exemplo, todas as edicións publicadas das súas Obras completas ou as referencias bibliográficas dos seus manuscritos e dos artigos publicados na prensa periódica. Os técnicos da Biblioteca de Galicia tamén realizaron un exhaustivo traballo de baleirado das principais bibliotecas dixitais existentes actualmente para incorporar os enlaces web que se atopan na rede.

 

O resultado de todo este traballo é a publicación electrónica Bibliografía de Concepción Arenal (1820-1893), que se pode descargar libremente na ligazón que se atopa ao final deste artigo.

 

Coa edición desta nova fonte de información, a Biblioteca de Galicia quere contribuír a poñer en valor a figura de Concepción Arenal, unha muller altamente considerada e estudada en medios académicos internacionais, pero unha gran descoñecida para moitos galegos.