AVISOS
30/10/2020
Conmemoración do centenario revista Nós
A Biblioteca Dixital de Galicia impulsa a adaptación da revista Nós ao século XXI con dous proxectos que permitirán achegarse a esta publicación dunha forma totalmente innovadora

-A Biblioteca de Galicia, a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, está a poñer en marcha dous novos proxectos que permitirán achegarse a esta publicación senlleira da cultura galega dunha forma totalmente innovadora.

 

-Con motivo do centenario da revista Nós, a Secretaría Xeral de Cultura difunde este valioso legado para o seu acceso a toda a cidadanía a través de biblioteca.galiciana.gal e próximamente a través de revistanos.gal.

 

Desde a súa posta en marcha en 2008, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia ten como prioridade non só seguir incrementado o número de páxinas dixitalizadas ás que dá acceso, senón tamén destacar contidos que resulten atractivos e de interese para os seus usuarios.

 

Neste 2020, data na que se cumpren 100 anos da publicación do primeiro número de Nós: boletín mensual da cultura galega, a Biblioteca de Galicia, a través de Galiciana-BDG, quere contribuír á celebración e difusión desta efeméride poñendo en marcha dous proxectos que permitan aos usuarios coñecer esta publicación referente da nosa cultura dun xeito innovador e adaptado ás novas formas de acceso á información e ao coñecemento.

 

Galiciana-BDG xa permitía a consulta de todos os números que se publicaron da revista Nós, incluído o último, do que só existen dous exemplares físicos, un deles depositado na Biblioteca da Deputación de Ourense e o outro en mans dun particular. A biblioteca dixital dá acceso ás algo máis de 3.900 páxinas desta publicación.

 

A través dos proxectos impulsados pola Secretaría Xeral de Cultura quérese destacar a relevancia cultural da revista Nós máis aló da simple dixitalización das súas páxinas. Con esta intención estanse a desenvolver os traballos para transformar a formato ePub os 144 números que se publicaron da revista así como a creación dunha web específica adicada ao universo de Nós que permitirá visualizar de xeito independente todos os seus artigos, profundar nas relacións establecidas polos seus colaboradores e contextualizala históricamente.

 

A revista Nós adaptada aos soportes dixitais

 

Neste ano 2020 a Secretaría Xeral de Cultura, como un dos promotores da conmemoración do centenario de Nós, está a impulsar a edición da revista en formato electrónico para permitir a súa lectura en diferentes dispositivos, como smartphones ou tablets, adaptándose así aos hábitos lectores da sociedade actual. Nestes momentos xa están dispoñibles para a súa descarga a través de Galiciana-BDG os 100 primeiros números que se publicaron de Nós en formato ePub. Cada un dos números que saíron mensualmente desde o primeiro, o 30 de outubro de 1920, ata o publicado en abril de 1932 pódense descargar neste formato.

 

Ao longo deste ano seguirá a transformación do resto dos números de Nós a formato ePub. Completaranse así os 144 que se publicaron, algúns deles de xeito conxunto, como o seu último número, que nunha única entrega a finais do ano 1935 xunta os números 139 a 144.

 

O universo de Nós nun único portal web

 

A mediados do mes de novembro estará dispoñible o portal revistanos.gal, o outro proxecto co que a Secretaría Xeral de Cultura quere poñer en valor todo o potencial da revista Nós. En colaboración con AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), e tomando como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, esta nova web presentará dunha forma innovadora e moi visual os datos de todas as persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida.

 

A través dela accederase a unha representación do universo de Nós como un todo conectado, co obxectivo de que sirva para comprender mellor este fito fundamental da nosa cultura e ese período fascinante da nosa historia.

 

Toda esta información articularase en torno a un “grafo de coñecemento” construído específicamente para a revista Nós. Igual que o cerebro almacena os nosos recordos nunha rede de experiencias conectadas conformando unha base de coñecemento, un grafo de coñecemento é un modo de almacenar datos que permite dotalos de estrutura e contexto. A visualización deste grafo a través da web revistanos.gal permitirá que os usuarios se acheguen dun xeito relacionado a todos os intelectuais que colaboraron na revista, desde Castelao, a Cuevillas ou Vicente Risco, así como a todos os artigos e números que se publicaron. Todos estes datos estarán contextualizados a través dunha liña do tempo que incluirá os feitos históricos máis relevantes acaecidos en Galicia durante o período que vai de 1845 a 1936.

 

En revistanos.gal poderase acceder de forma detallada á información sobre cada un dos autores que colaboraron en Nós, así como ás relacións que estableceron entre eles ou cos principais organismos aos que pertenceron. As relacións con outros autores/organismos que non se produciron dentro do universo de Nós enriqueceranse a través de datos abertos enlazados con outras fontes externas.

 

Durante o mes de novembro estará dispoñible para todos os usuarios esta nova forma de presentación dos datos creados e aloxados nos catálogos tradicionais das bibliotecas dunha forma gráfica e interactiva, coa intención de que axude a entender mellor o universo da revista Nós e o seu contexto histórico e de facilitar á cidadanía a busca de información e a aprendizaxe.

VÍDEOS RELACIONADOS