AVISOS
01/07/2019
Día da Comprensión Lectora, 26 de xullo
Columna de libros
Día destacado do mes de xullo do Calendario do Libro e a Lectura

Entender o que lemos esixe entender cada unha das palabras dun texto. Un bo lector le sempre co dicionario ó seu carón para unha comprensión plena, xa que o descoñecemento dalgunha das palabras pode conducirnos a unha comprensión errónea. Comprender é máis que ler, é estar en actitude de captar a esencia da historia. A lectura comprensiva require do lector o goce da mesma para extraer así a súa propia visión do lido, deste xeito irase formando o sentido crítico do pequeno lector.

Propostas para o pequeno lector:

Se se está a ler algo que non ten sentido, volver sobre o texto a fin de comprobar aquelas palabras dificultosas, decodificándoas -sílaba a sílaba- se é preciso, repetindo de novo a lectura. Se aínda así segue habendo palabras que non se entenden, buscar o seu significado no dicionario ( moi aconsellable telo no móbil, tablet, ordenador ou o de papel de toda a vida). Unha vez descubertos os significados volver ler o texto e ver se agora xa se comprende. Se a lectura resulta absurda ou incomprensible, non se debe avanzar ata que resulte clara pois doutro modo o texto será cada vez máis farragoso ata caer no aburrimento por falta de comprensión.

Sabías que unha boa parte do fracaso nos problemas matemáticos radica na mala lectura do enunciado?

Que pasos poderiamos seguir para unha boa lectura? Imos establecer Tres puntos básicos:

1º_ Ler cada parágrafo dúas veces seguindo a pauta dita máis arriba (se unha palabra nos resulta difícil decodificala primeiro e se unha vez ben lida non a coñecemos, buscala no dicionario). Feito isto lemos unha terceira vez para reafirmalo.

2º- Para este segundo paso, deberiamos ter unha libretiña de lectura na que faremos as anotacións que figuran máis abaixo e tamén nos pode servir para facer o noso propio dicionario, que estará formado por aquelas novas palabras que vaian aparecendo nas lecturas e que non coñeciamos, e en cada unha engadiremos o seu significado, non o do dicionario, senón coas nosas palabras tal como o entendimos, deste xeito será máis fácil recordalas.

Despois da terceira lectura temos que ver que nos quedou na cabeza, de que vai o que limos? Cal é o tema ou argumento? Que personaxes aparecen? Onde ocorre a historia? Todo isto imos anotándoo na libretiña ou se o preferimos podemos subliñar no propio texto estes datos, incluso dando unha cor a cada cuestión plantexada. Todo o que anime a nosa lectura é bo.

3º- Novamente lemos o texto. Agora podemos comprobar como unha vez analizados todos os detalles a comprensión é maior e por tanto responder ás preguntas vai ser moito máis doado.

Boa lectura!!

(Estas propostas formaron parte dun obradoiro de comprensión lectora levado a cabo na BdG)