AVISOS
14/03/2017
Día da Narración Oral
Calendario
Nova efeméride do Calendario do Libro e da Lectura

O día 20 de marzo festéxase o día da narración oral. Galicia, terra máxica, misteriosa, de climatoloxía melancólica que invita a guarecerse do inclemente tempo, deu durante séculos grandes narradores. Desde os grandes trobadores da ría de Vigo, o boca a boca foi a forma de transmisión de saberes e sensabores. O berce do cotiá dá orixe a historias e lendas mestura de lembranzas e vivencias presentes e pasadas que de forma espontánea buscan o camiño de facerse escoitar para non caer no esquecemento, tecendo así a malla de interconexión que non coñece barreiras no espazo-tempo e fornecendo a lingua que se enriquece con novos termos, usos e costumes das distintas latitudes. Foi así durante séculos. Sempre houbo contadores de contos ao redor das lareiras nas noites de inverno. Pero os tempos cambian e a xente escribe máis e fala menos. As TIC modernizan as formas de achegar información, para converteren o dito de 'unha imaxe vale mais que mil palabras' nunha verdade tanxible, mais a tradición oral é un patrimonio inmaterial que hai que coidar, porque un texto transmitido oralmente leva algo máis ca papel.