EXPOSICIÓNS
Bibliotecas no espello: Galicia e Portugal a través dos seus libros
11 Decembro 2018
25 Febreiro 2019
Cartel
Coordinador/a:
Ignacio Cabano por Galicia e Ana Araujo por Portugal

A edición facsímile, veñe definido no mundo do libro, coma a reprodución precisa, case perfecta, dun documento xeralmente antigo e considerado de gran valor, como un libro, un manuscrito, un mapa ou un debuxo a man alzada. O termo provén do latín fac simile, que significa fai similar.

Os facsímiles convértense así en espellos coidados dunha realidade bibliográfica. Son o reflexo dunha cultura, a galega ou a portuguesa, asentada en papel ou pergamiño. E seguen dalgún modo a vella tradición da copia, antes manuscrita, despois impresa (tentando imitar, copiar con exactitude os manuscritos), agora axudada de técnicas fotográficas, dixitais e serigráficas que permiten imitar fielmente as cores, tamaño, defectos e matices do documento orixinal.

Os facsímiles expostos —unha pequena selección imposta polo espazo— son, non obstante, a mellor oportunidade de crear unha biblioteca imposible, a través deste reflexo que se nos ofrece como un carreiro que corre en paralelo coa realidade, ideal, coma as sombras de Platón, e ao mesmo tempo tanxible, coma os primeiros manuscritos e impresos coñecidos dos nosos dous países.

Galicia e Portugal: Bibliotecas no espello, forma parte das actividades anuais do programa Nortear, creado en 2015 a través dun memorando de entendemento asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, e que para o 2018 decidiuse realizar por primeira vez unha exposición conxunta e itinerante que reflectira a evolución histórica dos dous territorios a través dos libros e da literatura. Amosa, cunha escolma de perto dun centenar de libros, a riqueza do patrimonio literario e librario de Galicia e Portugal a través das edicións facsimiles que abrange desde o século XI á actualidade.

Pretende reflectir a evolución conxunta dos dous territorios e a paulatina separación dos seus camiños nos últimos séculos, a través da súa produción literaria e editorial máis salientable.  Divídese en dúas grandes áreas: os códices e literatura galaicoportuguesa, e outra sección sobre libro moderno e contemporáneo, na que xa se divide na parte correspondente a Galicia e outra de Portugal.

Os libros expostos son a mellor oportunidade de crear unha biblioteca que sería imposible sen este recurso. Unha biblioteca que percorre en paralelo á historia dos dous territorios e as súas xentes. Dos libros que se poden ver na mostra cómpre destacar pola súa importancia ou beleza os seguintes:
- Na sección de códices, o Códice Calixtino, as Cantigas de Santa María, Cancioneiro de Ajuda, a Biblia Kennicott ...
- Na sección de libro galego moderno e contemporáneo, destacan as edicións do Prerexurdimento e Rexurdimento, con primeiras edicións de autores como Rosalía de Castro (Cantares Gallegos), Manuel Murguía (Los precursores), Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos), Curros Enríquez (Aires da miña terra), etc, ata un autor contemporáneo coma Carlos Casares (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas).
- Entre os libros portugueses modernos e contemporáreos están as primeiras edicións de Camões (Os lusiadas), Eça de Queiroz (Os maias), Pessoa (Mensagem), ata a actualidade con mecanuscritos de Saramago (Claraboia) e de Agustina Blessa (Ternos guerreiros).