EXPOSICIÓNS
Primores do Múltiplo: encadernación e coleccionismo na Biblioteca de Galicia
21 Novembro 2019
30 Xuño 2020
Coordinador/a:
Mª Luisa López-Vidriero Abelló (Biblioteca Bodoni – Universidade de Salamanca)

Ademais da súa propia colección, a Biblioteca de Galicia custodia as coleccións formadas durante anos tanto por importantes persoeiros da cultura galega como por organizacións publicas e privadas comprometidas coa conservación do acervo cultural de Galicia.

Con esta exposición a Biblioteca de Galicia quere poñer en valor un elemento determinante dos libros que custodia é que habitualmente pasa desapercibido. Trátase das encadernacións que protexen eses libros e que en moitas ocasións pódense considerar obras artísticas en si mesmas.

Primores do múltiplo: encadernación e coleccionismo na Biblioteca de Galicia propón ao visitante unha aproximación á técnica da encadernación, tanto desde o punto de vista de quen elixiu para as súas bibliotecas privadas determinadas creacións coas que se consideraron identificados, como desde a perspectiva editorial que escollía determinados estilos de encadernación como forma de identificar as súas coleccións.

Esta exposición afonda nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e diferénciano de forma inequívoca. Para elo escolléronse obras tanto da colección propia da Biblioteca de Galicia, como dos seguintes fondos que están actualmente nesta biblioteca, xa sexa por fórmulas de doazón, comodato ou adquisición:

  • Colección ABANCA
  • Colección de Manuel Chamoso Lamas
  • Colección de Isaac Díaz Pardo
  • Colección da Fundación Camilo José Cela

Sen a achega de todas estas bibliotecas privadas non se podería mostrar, nun arco de cincocentos anos, a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.