EXPOSICIÓNS
A sutil arte da tipografía. Xoias da Colección ABANCA
15 Marzo 2016
03 Xullo 2016
Cartel da exposición
Cartel da exposición
Coordinador/a:
Daniel Buján

A ARTE DA TIPOGRAFÍA

A tipografía é unha arte sutil e omnipresente, que nos arrodea, adoito dun xeito imperceptible, discreto, constante, con efectos que sentimos case inconscientemente e sen nos decatarmos apenas da súa presenza. Sentimos na lectura, a sensación de lixeireza das letras de pau seco, a elegancia dos tipos clásicos, a fermosura dos modernistas, o aire antigo e xermánico das letras góticas. Lemos carteis, libros e revistas, anuncios e sinais de tipografía sen que pensemos case nunca na arte, na bondade e adecuación da forma na que nos chega e que se nos presenta.

Durante séculos, desde o nacemento da imprenta, a tipografía converteuse no medio polo que a cultura escrita nos chega: a filosofía, a relixión, a crítica e a creación literaria, os soños e as crenzas do ser humano os vemos a través de sutís trazos e case imperceptibles variacións en liñas, tamaños, grosores e equilibrios. Neses pequenos e case imperceptibles detalles está a esencia, o segredo agochado da fermosura e lexibilidade dun xogo de letras.

Esas creacións artísticas consérvanse agochadas, pero cheas aínda de vitalidade, nos máis fermosos libros que saíron das prensas. Hoxe queremos abrirmos as páxinas dalgúns dos mellores libros da extraordinaria colección de ABANCA, para que a súa beleza se faga patente, explicada e ordenada para axudar a comprender a creatividade, a imaxinación e a arte que moitos artistas puxeron nela, para faceren da tipografía unha das máis apaixonantes, malia que descoñecida, das artes.

A imprenta, que pouco a pouco vai converterse nunha arte en por si, con características, estilos e elementos propios, nace, no entanto, como imitación, que se busca o máis exacta posible, do libro manuscrito que lle antecede no tempo.

Son os seus estilos e son as súas formas as que van definir os primeiros tipos de letras utilizados polos impresores. Esta dependencia, da que vai irse liberando a tipografía devagar, marcará, non obstante, boa parte dos seus primeiros tempos.

Unha boa parte dos exemplares, das pequenas e grandes xoias da colección de ABANCA deben parte do seu encanto e do seu valor ao perfecto uso e mestría da súa letra, da confección das súas páxinas, do equilibrio e fermosura na distribución de espazos.

A exposición consta de catro partes, con subseccións, que recollen o esencial da evolución da tipografía, aproveitando o feito de que a colección de Abanca conta cunha completa serie de extraordinarias obras dende as orixes do libro ata o século XX.

Contemplanse así as seguintes seccións

 

A LETRA GÓTICA

A primeira letra utilizada para crear letras de molde vai ser a gótica. Durante o período incunable, en que cada impresor fundía os seus tipos, podemos atopar ata 2000 variedades distintas de gótica. Con todo, poderiamos resumir boa parte desas variedades en catro grupos

A textur

A rotunda

A bastarda, onde incluiriamos a chamada Schwabach

A fraktur

 

A LETRA CURSIVA

É Aldo Manucio, o impresor veneciano, o responsable, en 1500, da introdución dun novo tipo de letra: a cursiva.

Trátase, coma noutros casos anteriores, da adaptación dun tipo de escritura preexistente: a utilizada entón en Italia por copistas e notarios do ámbito humanístico, inclinada, rápida e informal.

A letra cursiva chegou a converterse en predominante, sobre todo nos impresos italianos e mesmo nos franceses do Século XVI, pero pouco a pouco foi perdendo presenza como letra para textos continuos e predominantes no libro, para converterse máis ben nunha forma de destacar ou subliñar palabras ou frases en textos escritos en romana.

 

A LETRA ROMANA

1.- A ROMANA HUMANISTA

Os sinais distintivos da letra romana impresa orixínanse na letra manuscrita carolina, o uso da cal declinara séculos atrás, ao tempo que a letra gótica a substituía. En Italia, dacabalo do movemento humanista, que busca a recuperación e o renacemento dos antigos valores clásicos, comézase a recuperar en datas tan temperás como os primeiros anos do século XV.

Os primeiros impresores que se instalan en Italia, son os primeiros en utilizala, pero é a chegada do francés Nicolas Jenson a Venecia, en 1469, o que vai permitir a consolidación dunha romana equilibrada e perfectamente diferenciada xa da gótica.

2.- GARAMOND E ALDO, O GRUPO DAS GARALDES

Un dos persoaxes que desempeña un papel maior no desenvolvemento da letra romana é Aldo Manucio, en Venecia. A partir de 1530, é posiblemente en París onde se van producir unha serie de interesantes avances no deseño da letra romana, que ten un grande éxito, grazas á influencia de Geofroy Tory. A figura máis representativa vai ser sen dúbida Claude Garamond

3.- A BIBLIA REXIA ou de AMBERES

A historia da Biblia Políglota de Amberes comeza cando Plantino lle presenta ao rei Felipe II a proposta de realizar co mecenado real o proxecto dunha biblia políglota, A principal dificultade dunha obra deste tipo radicaba en que precisaba de textos en linguas non latinas, amais de especialistas que coidasen da súa correccion. Tratábase, en efecto, de cinco linguas con diferentes alfabetos e, consecuentemente, con diferentes xogos de letras.

4.- LETRA MODERNA. DIDOT E BODONI

Este grupo de letras, ao que a clasificación de Vox-Atipi lle deu o nome de Didonas, caracterízase polo extremo contraste entre os trazos grosos e os finos e a súa marcada verticalidade. Supón o culme na evolución da letra romana sen serif.

5.- MECANES E EXIPCIAS

Un derradeiro grupo de letras con serif é o formado por varias familias de tipos caracterizados polo grosor do seu serif. O termo exipcio refírese a letras, dentro do grupo da mécanes con serif cuadrangular ou slab-seriff.

Comparten coas letras sen seriff o seu uso para títulos e cabeceiras ou en cartelería.

 

A LETRA “SANS SERIF”

O tipos sans serif chamados tamén en castelán de palo seco, son aquelas tipografías nas que se eliminan os serifs, pequenos trazos, en xeral horizontais, que se colocaban ao final dos trazos das minúsculas.

Son letras que adoitan utilizarse en títulos e cabeceiras para lograr unha maior énfase.