CATÁLOGOS E COLECCIÓNS
Biblioteca de Celso Collazo
Biblioteca do autor
Biblioteca do autor

Os fondos bibliográficos e audiovisuais doados por Celso Collazo Lema á Biblioteca de Galicia, abranguen máis de 17.700 documentos, con abundante material procedente de Londres e dos Estados Unidos, dos que ata agora carecía a Rede de Bibliotecas de Galicia. 6.700 monografías, 3.600 revistas, 5.520 exemplares  do suplemento semanal The New York Estafes Book Review 830 dvd, 238 vinilos, 74CD, 364 cintas VHS, 150 casetes, 19 bobinas de filmes e dúas caixas de diapositivas.

Biografía

Celso Collazo Lema (15 de novembro de 1921- 4 de xullo de 2014), nace en Vimianzo onde pasa a súa infancia. Seu pai, galeguista colaborador de Castelao, do que era amigo, foi paseado no ano 36 en Ponteareas, o que deixou unha forte pegada na adolescencia de Celso. En tempos de posguerra deambula polos faladoiros vigueses, onde establece amizade con Fernández del Riego, Isla Couto ou Plácido Castro, dos que se nutre nos primeiros pasos literarios e xornalísticos, e máis adiante comparte tempo de conversa con Laxeiro, Celso Emilio Ferreiro, Carme Kruckemberg, Eduardo Moreiras…

En 1952 casa coa pintora María Antonia Dans e, en 1955, nace a súa filla, Rosalía Dans. En 1959 se separan. Neses anos traballa para os diarios Pueblo e ABC

Xornalista de profesión e vocación, vive en primeira fila os acontecementos históricos relevantes do século XX, desde os escenarios mais directos, como correspondente de prensa na posguerra mundial. A paixón que sente pola súa profesión queda patente non só na súa impecable traxectoria profesional por terras extranxeiras, como correspondente, senón tamén nos faladoiros do café Roma, nos lapsos temporais en España. 

En 1957 marcha a Londres como correspondente do diario Pueblo, e logo pasa a selo da Axencia EFE, na que permanece ata a súa xubilación. Sempre pendente da noticia, como bo rastreador que é, os once anos que pasa en Londres constitúen unha fonte inesgotable de informacións que el soubo transmitir coa axilidade debida. A súa profesionalidade fai que en 1968 saia para os EEUU como delegado de EFE, que contaba con sedes en Washintong e Nova York. Tamén aquí vive acontecementos importantes: os asasinatos de Martin Luther King e Bob Kennedy, a chegada á lúa, os debates da ONU, os acontecementos da Guerra Fría...

 En 1970 convértese no primeiro español correspondente en Moscova. Aquí comeza unha etapa complicada, onde non todo se podía contar, onde o pobo vivía precariamente nun país desabastecido. Tras uns anos regresa novamente a Nova York, para comezar unha nova etapa á fronte da delegación de EFE. En 1980 faille unha entrevista a Jymmy Carter, na que deixou patente o bo facer dun periodista veterano. 

Home humilde, bo conversador, tenaz, excéntrico, con bo sentido do humor e gran memoria; apaixonado dos libros, da ópera e da gastronomía, e tamén un bo cociñeiro e gourmet. Foi un gran mestre para as xeracións novas de xornalistas que chegaron detrás, polo que se lle recoñeceu co premio Maestro de Periodistas en 2011, ano da súa creación. Entre os seus alevíns están Carlos G. Reigosa, Juan Caño, Margie Igoa, e unha longa listaxe de discípulos, cos que mantén unha boa amizade. 

Ademais de xornalista, é ensaísta, poeta e crítico literario. Investigou a obra de diversos escritores galegos,  como Lamas Carvajal ou Curros Enríquez.

Publicacións: na revista Ínsula, o artigo ‘El argot en la novela’. Ensaios: A Virxe do Cristal e A Bretaña de Renán. Entre a poesía destaca Cantigas ao mar do Ferrol, polo que recibiu un premio nos Juegos Florales de La Marina.

Nos anos oitenta do século pasado escribe en ABC a columna periódica ‘Arte de Comer’, na que puña de manifesto os seus coñecementos gastronómicos.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS