Sobre o depósito legal

O depósito legal en Galicia

A xestión do depósito legal en Galicia é competencia da Xunta de Galicia, que exerce a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en virtude das tranferencias nesta materia realizadas pola Administración do Estado (Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo).

A Subdirección Xeral de Bibliotecas é o departamento encargado de coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal, correspondéndolle ao Servizo da Biblioteca de Galicia a xestión das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de depósito legal (Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria)

Normativa legal

O depósito legal regúlase pola Lei 23/2011, de 29 de xullo, de depósito legal (BOE n. 182, 30.07.2011), así como polo Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal, en todo o que non se opoña ao disposto na lei estatal.

O procedemento de tramitación do depósito legal das publicacións electrónicas en liña está pendente da publicación do real decreto que desenvolverá o establecido na lei.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia inclúe disposicións normativas sobre o depósito legal no seu capítulo VI.

Finalmente, a Lei 5/2012, de 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establece que a Biblioteca de Galicia ten a función de velar polo cumprimento da normativa do depósito legal. 

Quen ten que solicitar e constituír o depósito legal

O editor con domicilio social en Galicia, é quen ten que solicitar e constituír o depósito legal,  calquera que sexa o lugar de impresión ou produción da obra.

En defecto do editor ou, se for o caso, segundo a tipoloxía da publicación, están obrigados a solicitar e constituír o depósito legal o produtor, o impresor, o estampador ou o gravador que teña o domicilio social en Galicia.

Por que ten que constituírse o depósito legal

Constituír o depósito legal ten as seguintes vantaxes:

  • É o medio máis seguro para preservar e legar ás xeracións futuras as obras obxecto de depósito.
  • Facilita a difusión da obra para garantir o dereito de acceso á cultura, á información e á investigación.
  • Permite recoller a información precisa para confeccionar as estatísticas oficiais sobre o patrimonio.
  • Posibilita que os centros de conservación describanr o conxunto da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital galega, co fin de difundila, e posibilitar o intercambio de datos con outras axencias ou institucións bibliotecarias españolas e estranxeiras.
  • Permite o acceso e a consulta das obras respectando a lexislación sobre propiedade intelectual.

Sancións

Ás infraccións das obrigas que establece a lexislación vixente son obxecto de sanción segundo o disposto na normativa autonómica. A imposición da sanción non exime da obriga de constituír o depósito legal.