CATÁLOGOS E COLECCIÓNS
Biblioteca de Luis Losada Espinosa
Biblioteca do autor
Biblioteca do autor

A biblioteca de Luis Losada Espinosa está dispoñible para a súa consulta como un depósito en réxime de comodato, realizado pola súa cuñada, Dª Ángeles Otaola Barainca, en decembro de 2009.

Biografía

Luis Losada Espinosa nace no berce dunha familia fidalga, con casa patrucial no pazo de Moldes (en Boborás, Ourense), no ano 1928, o ano anterior á morte do seu pai, o ilustre intelectual e galeguista Antón Losada Diéguez, figura paterna pola que se sentirá moi atraído e sobre a que xirarán boa parte das súas preocupacións intelectuais, que acabarán influíndo na conformación da súa propia biblioteca, e na que se pode apreciar un fío de unión coa biblioteca do seu pai, actualmente situada no Pazo familiar de Moldes.

Luis Losada Espinosa realiza a licenciatura de Dereito na Universidade de Santiago e obtena a mediados dos anos cincuenta. Posteriormente trasládase a Madrid e ingresa na Escuela Oficial de Periodismo, onde forma parte da promoción Tarragona do ano 1957. Este mesmo ano comezaría a traballar en ABC e Blanco y Negro ata o ano 1966, no que regresa á súa terra para dirixir o Diario de Pontevedra. Neste ano 1966 recibíría o encargo de ABC de elaborar un suplemento diario de dezaseis páxinas adicado a Galicia. Estas “Páxinas Galegas” do ABC abríronse cunha serie histórica sobre a lingua galega que se adiantaba en moitos anos ao reencontro dos xornais galegos co postergado idioma do país.

Como redactor do ABC merece destacar o seu labor como reporteiro abordo do Lemos, un dos primeiros barcos conxeladores de altura de Pescanova nos caladoiros de Namibia. En realidade a súa actividade dentro de ABC destaca pola súa versatilidade de reporteiro que non consideraba menor ningún xénero, dende a crítica de libros á información de acontecementos deportivos ou á entrevista. Entre estas últimas cabe destacar as súas crónicas da Volta Ciclista a España adornadas con referencias culturais ou unha entrevista antolóxica a Azorín, na súa casa de Alfonso XII en Madrid, á que asistira protexido da choiva por unha palloza galega do Arenteiro, que suscitara o interese do grande escritor do 98, que deixaría constancia escrita daquel encontro.

Como director do Diario de Pontevedra, que reapareceu con el, despois de 22 anos de silencio, conformou unha redacción que deu oportunidade a escritores novos como José Antonio Durán, a redactores consagrados como Manuel Cuña Novás ou Anxel Huete e a ilustradores do talle de Conde Corbal. En 1969 regresa a Madrid onde exerce de redactor xefe do semanario Blanco y Negro, dirixe a revista Vía Libre e o gabinete de comunicación de Renfe.

Luis Losada foi tamén un destacado profesional na compañía da RTVE, onde desempeñou o posto de director da segunda edición do telediario 24 Horas e do programa semanal Crónica de siete días. Ao mesmo tempo Luís Losada levou a cabo unha extensa investigación sobre a aparición e avatares do pensamento anarquista en Galicia, a partir de documentación básica existente na biblioteca do seu pai Antón Losada.

En 1985 foi nomeado director da Compañía da Radio Televisión de Galicia; na alocución inaugural, que realizou o día 25 de xullo, prometeu entregar toda a súa experiencia como xornalista de prensa e TV a unha televisión en galego, destinada por lei a recuperar a conciencia popular, a tradición e a cultura de Galicia. Desgraciadamente unha fatal enfermidade acurtou dramaticamente a súa estadía á fronte da RTVG, e faleceu o día 23 de novembro de 1988, Consideraba esta etapa como a máis esixente e satisfactoria da súa carreira profesional.

É preciso resaltar que dende os seus anos de estudante en Compostela, Luís Losada Espinosa vai conformando unha interesante biblioteca na que continúa as afeccións temáticas da biblioteca familiar de Moldes cara á historia, a política e a literatura e na que salienta o interese por todo o relacionado con Galicia. As longas horas que adicou dende moi novo ao coidado e estudo do rico patrimonio escrito da súa casa, convertérono nun bibliotecario experto no legado de Antón Losada Diéguez. Para os investigadores poderen reconstruír o protagonismo clave desta gran figura do galeguismo na Xeración Nós, así como a súa propia obra, foi decisivo o traballo previo de Luís na biblioteca e arquivo familiar. José Antonio Durán refírese a este labor na edición da obra completa de Antón Losada Diéguez (Xerais, 1985) como “un arquivo marabillosamente conservado e posto en orde e á nosa disposición polo seu fillo Luís, coa xenerosidade e respecto nel característicos”, e podería engadirse, como corresponde á súa condición de bibliófilo confeso e incansable, en palabras doutro destacado xornalista Gustavo Luca de Tena.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS