AVISOS
11/05/2023
Exposición Letras Galegas 2023
Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida.

A Real Academia Galega resolveu dedicar as Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010), cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento.

 

A Biblioteca de Galicia, como cada ano, quere sumarse a esta conmemoración cunha mostra bibliográfica que permitirá achegar á cidadanía algunhas das obras que custodia nos seus fondos deste intelectual, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu a política, o ensaio, a creación e crítica literaria e a edición.

 

Del Riego foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e da reconstrución cultural galega durante o franquismo, contactando con todos os intelectuais dentro ou fóra do país para artellar proxectos que evitasen a desaparición da cultura en galego.

 

Foi o seu un percorrido vital similar ao de varios homenaxeados do Día das Letras Galegas nos últimos anos (Antonio Fraguas, Carvalho Calero, Gurriarán...), unha xeración que mantivo acesa a nosa cultura nos momentos de maior dificultade.

 

Esta pequena exposición pretende mostrar o máis significativo dun dos intelectuais máis relevantes da nosa historia, non só polo seu labor persoal, senón tamén porque grazas ás súas iniciativas culturais foron moitos os autores que puideron dar a coñecer a súa obra.

 

A exposición Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida conta con 80 pezas pertencentes á Biblioteca de Galicia. Aínda que se mostrarán algúns materiais especiais, como fotografías ou marcapáxinas, está composta na súa maior parte de libros, xornais e revistas nos que dalgún xeito Francisco Fernández del Riego é o protagonista.

 

Está estruturada en 6 vitrinas:

 

1: Pequena biografía de Fernández del Riego.

2: Fernández del Riego e a súa faceta de ensaísta.

3: O labor de Fernández del Riego no eido literario.

4: Fernández del Riego e a prensa.

5: Fernández del Riego e a Editorial Galaxia

6: Fernández del Riego e o Día das Letras Galegas

 

A primeira das vitrinas está dedicada a dar información sobre a súa biografía. A segunda afonda na súa faceta de ensaísta e a terceira amplía o seu vínculo co eido literario expoñéndose as súas obras como autor de ficción, como tradutor e como editor e compilador literario.

 

A cuarta vitrina está dedicada á súa estreita relación coa prensa, coa que colaborou durante toda a súa vida. Están expostos desde algún dos seus artigos nos anos previos á Guerra Civil ata o último que publicou en La Voz de Galicia pouco antes de falecer.

 

As últimas dúas vitrinas están dedicadas a dúas das súas iniciativas nas que estivo máis involucrado: a editorial Galaxia e a posta en marcha do Día das Letras Galegas. Neste 2023 péchase o círculo no que o home que impulsou a celebración é xusto o homenaxeado.