Procedemento de tramitación

A tramitación do depósito legal faise a través do sistema de tramitación telemática.

Para poder realizar esta tramitación en liña é preciso contar cun nome de usuario e un contrasinal. Póñase en contacto coa Oficina de depósito legal correspondente para recibir esta información.

Deseguido poderá acceder á plataforma para a xestión do depósito legal de Galicia. Dá servizo ás cinco oficinas provinciais, así como aos centros de conservación da Biblioteca de Galicia e Bibliotecas Centrais Territoriais, e facilita un acceso centralizado ás editoriais para que poidan consultar o estado das súas solicitudes. Permite:

  • A xestión das solicitudes de número de depósito legal e a súa asignación.
  • A xestión das prórrogas e anulacións sobre os rexistros de número de depósito legal existente.
  • A xestión das constitucións de número de depósito legal.
  • A xestión dos envíos de rexistros constituídos aos centros de conservación correspondentes.
  • A xestión das publicacións periódicas.
  • A obtención de informes e estatísticas.

Constitución do depósito legal

O depósito legal deberá constituírse nas oficinas de depósito legal da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Solicitude de número de depósito legal

Cando unha obra en soporte tanxible estea próxima a súa terminación, o suxeito obrigado solicitará un número de depósito legal por vía telemática, a través do sistema de xestión do depósito legal de Galicia, antes de que finalice a impresión ou produción do documento.

No caso de ser persoa física tamén poderá facelo de forma presencial na oficina de depósito legal que lle corresponda segundo o seu domicilio social.

Unha vez asignado o número, deberá constituír o depósito no prazo máximo de 2 meses, sempre con carácter previo á distribución ou venda.

Non se solicitará número de depósito legal para as publicacións en liña, en soportes non tanxibles.

Solicitude de anulación e prórroga

O suxeito obrigado solicitará a anulación do número de depósito legal cando a obra finalmente non chegue a termo ou exista algunha razón xustificativa que impida a constitución do depósito ou a entrega dos exemplares.

Así mesmo poderá solicitar unha prórroga para a constitución do depósito nos casos nos que os procesos de produción ou impresión se realicen fóra de España. A prórroga terá unha duración máxima de 2 meses máis.

Composición do Número de depósito legal

O número imprimirase nun lugar visible e identificable, xeralmente no verso da portada ou no lugar onde se sitúe o pé de imprenta, e estará constituído por:

  1. A sigla DL
  2. A sigla que corresponda a cada oficina, que é:
    • C para A Coruña
    • LU para Lugo
    • OU para Ourense
    • PO para Pontevedra
    • VG para Vigo
  3. O número de constitucións do depósito e o ano de constitución do mesmo, en catro cifras.

O número asignado á obra e o ano van separados por guións. Ao finalizar cada ano pecharase a numeración, que se iniciará de novo ao comezar o ano seguinte. Exemplo: DL VG 1001-2012.

Composición do número de Depósito Legal

Recursos que manterán sempre un único número de depósito legal

  1. Os recursos continuados, publicacións periódicas, como diarios e revistas, publicacións seriadas e recursos integrables aínda que a súa periodicidade sexa variable e cambie o seu formato. No caso de que o editor ou impresor cambie de domicilio, o número de depósito legal desas publicacións deberá adecuarse á nova sede do editor. En canto ás edicións locais dos diarios, cada unha delas quedará identificada por un número de depósito legal propio.
  2. As obras en varios volumes.
  3. Cada un dos distintos documentos dos que conste unha obra, sexa cal for o seu soporte. Porén, levarán o seu propio número de depósito legal as edicións paralelas, en distintos soportes, con excepción das diferentes edicións dos diarios, que se publicarán baixo o mesmo número de depósito legal.

En caso de dúbida sobre calquera aspecto da tramitación do depósito legal será a Biblioteca de Galicia quen determine o que proceda.

Condicións do depósito dos exemplares

As obras deberán depositarse na súa integridade. No caso de presentar algún exemplar incompleto ou defectuoso dunha obra, o editor ou suxeito obrigado, deberá depositar un novo exemplar completo e sen defecto.

As coleccións de fascículos depositaranse completas e encadernadas, e as coleccións de banda deseñada de serie limitada completas.

Todo documento electrónico en soporte tanxible depositarase de xeito que non sexa necesaria a introdución de claves para a súa lectura, con todos os manuais e, se for o caso, do programa que o acompañe. O suxeito depositante está obrigado a facilitar toda a información necesaria para transferir os datos do soporte electrónico orixinario ao soporte de conservación. Os documentos electrónicos cuxo uso caduque no tempo deberán entregarse de xeito que poidan consultarse sen limitación de tempo.

Para as películas cinematográficas, documentais ou de ficción, entregarase ao centro de conservación:

  • En películas cinematográficas rodadas en fotoquímico, os materiais de preservación e unha copia nova, con son e o etalonaxe en formato de 35 mm. No caso de que se producira noutro formato analóxico diferente de 35 mm (fotoquímico o magnético), a copia nova será no formato no que se estreara.
  • En películas cinematográficas rodadas en dixital e destinadas a salas de cine, dúas copias: un DCP non encriptado da versión orixinal e un DCDM ou equivalentes de alta resolución e de boa calidade ou outros formatos de preservación que se inclúan nunha norma de estandarización.
  • Noutras películas e series de televisión entregarase unha copia do material que garanta a preservación a longo prazo da versión orixinal, íntegra e emitida ou copia noutros formatos de preservación que se inclúan nunha norma de estandarización.

Para as obras que presenten distintas encadernacións, outros formatos ou fórmulas de presentación constituirase un novo número de depósito legal para cada unha delas, xa que se tratará coma se fose unha obra independente.

A prensa diaria e as publicacións periódicas trataranse como subscricións para facilitar a súa entrega inmediata nas oficinas de depósito legal.

Número de exemplares a depositar

Segundo o tipo de obra da que se trate deberá depositarse un número de exemplares concretos aos diferentes centros conservadores. No caso das obras editoriais estes centros son as oficinas do depósito Legal, a Biblioteca de Galicia, a Biblioteca Nacional de España e a Biblioteca Central Territorial. Para as obras cinematográficas, os centros conservadores son as oficinas do depósito Legal, a Filmoteca Española e o CGAI-Filmoteca de Galicia.

Na ligazón de "Distribución de exemplares do depósito legal" recóllese a táboa co número de volumes a depositar para a relación de tipos de obras definidas.