O Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia (CCPBG) tenta recoller a descrición dos documentos que conforman este patrimonio. Inclúe non só o da propia Biblioteca de Galicia, senón o de todas as bibliotecas galegas que conservan material bibliográfico susceptible de seren patrimonial.
O CCPBG constitúese na principal ferramenta para conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia.A súa andadura comeza en novembro de 1986, como parte dun proxecto más amplo a nivel estatal que é o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Español (CCPB), co que segue a colaborar actualmente.
Cobertura cronolóxica
Seguindo o criterio do catálogo colectivo español, o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia (CCPBG) establece os mesmos límites cronolóxicos para a súa cobertura.
Na Lei 16/1985 do patrimonio histórico español presuponse que existen, polo menos, tres exemplares de obras impresas nas bibliotecas ou servizos públicos a partir de 1958, porque é o momento no que se regula o Depósito Legal (DL) en España. As normas do DL obrigan aos impresores a depositar estes exemplares nas bibliotecas públicas, polo que estaría garantida a súa conservación.
En resumo, o CCPBG recolle obras impresas anteriores a 1958.
Ámbito xeográfico
No que se refire á súa cobertura xeográfica, o catálogo céntrase nos bens que se atopan en Galicia. No ano 2024 contén a descrición de máis de 221.000 títulos de documentos patrimoniais de 47 bibliotecas de Galicia.
Mapa das institucións participantes no CCPBG
Premendo na seguinte imaxe dáse acceso ao mapa no que se poden ver todas as bibliotecas participantes no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego situadas na súa localización xeográfica. Facendo clic sobre cada unha delas visualízanse os seus datos relacionados, como enderezo e portal web, e tamén o número de documentos catalogados polo CCPBG en cada unha delas.