En novembro de 2015 celebrouse en Edimburgo un seminario sobre RDA e Fondo Antigo, dentro das xornadas anuais do RDA Steering Committe (RSC), no que se expuxo toda a problemática que o novo código de catalogación suporía neste tipo de materiais. A raíz deste encontro créase un grupo de traballo dirixido polos responsables das normas de catalogación anglosaxoas para os impresos antigos. RSC tiña a intención de amplialo abrindo a porta a representantes doutras bibliotecas para crear un grupo internacional, e en Europa foi EURIG (European RDA Interest Group) quen se encargou de seleccionar ás institucións que se integrarían no primeiro.
Pese as enormes posibilidades que RDA aportaba á descrición do Fondo Antigo e sobre todo dos Manuscritos, existía o temor entre os profesionais de que os cambios nos catálogos poideran ser percibidos como negativos para a recuperación de información por parte dos investigadores. Por iso alertouse das carencias de RDA no eido dos impresos antigos e manuscritos, como era o caso das entidades Expresión e Ítem, que representaban un problema nun fondo con documentos con moitas peculiaridades propias da imprenta manual.
Vantaxes da RDA na descrición de Fondo Antigo e Manuscritos
Algunhas das vantaxes que RDA proporcionaba á descrición de Fondo Antigo e Manuscritos implicaban:
- A fidelidade na transcrición
- Menos omisións, o que facilitaría a recuperación de información valiosa que agora se estaba perdendo.
- A distinción entre datos de publicación e produción
- A información sobre os soportes
- O enriquecemento dos puntos de acceso
- A creación de puntos de acceso para todos os autores dunha obra
Pero tamén había desacordos en canto aos títulos dos libros litúrxicos, a versión utilizada da Biblia, o que supoñía a supresión das abreviaturas latinas na descrición dos sistemas de paxinación/foliación deste fondo, e a desaparición das indicacións das posibles erratas nos títulos. Pero o máis importante é que RDA descartaba as relacións referenciais, tan valiosas neste tipo de fondos, e a información de exemplar.
Actualización das pautas por parte do grupo de traballo de RDA e Fondo Antigo: obxectivos principais
O grupo de traballo de RDA e Fondo Antigo actualizou as pautas cuns obxectivos principais:
- Facer posible que os usuarios puideran distinguir con claridade as diferentes manifestacións, así como as variacións dentro dunha manifestación.
- Posibilitar que se levaran a cabo a maior parte das tarefas básicas de identificación e selección sen ter acceso directo aos materiais
- Permitir ao usuario investigar desde o propio catálogo os procesos físicos que deran lugar ao documento así como todas as posibles alteracións posteriores á súa produción.
O alcance do modelo converteríaas nunhas pautas integradas no modelo de descrición xeral que, ao mesmo tempo, foran capaces de satisfacer todas as necesidades do usuario especializado.
En 2018, coa reestruturación do RDA Toolkit, desapareceu o grupo de traballo sobre materiais especiais, unha vez revisadas todas as excepcións para este fondo.
Novas pautas para monografías antigas
En 2017 o equipo de catalogación do Libro Antigo do CSUC (Consorci de Serveis Universitaris de Catalunya) elaborou unhas Pautas de Catalogación para monografías impresas antigas, elaboradas segundo as RDA. E a principios de 2020 a BNE comezou a elaborar o perfil de Monografías antigas da BNE, que pretende resolver algún dos puntos máis conflitivos que podía supoñer RDA neste tipo de fondo. Entre as novidades a destacar por Adelaida Caro, Xefa do Servizo de Reserva Impresa da BNE, nas III Xornadas de Xestión do Patrimonio Bibliográfico, celebradas en Valencia en maio do ano 2022, temos:
- Transcrición: salientou a incorporación dunha transcrición paleográfica non normalizada, sobre todo para edicións do século XVI, que se correspondería co novo atributo “Mención de Manifestación” e que se rexistraría nun campo MARC 881
- Mencións de publicación, distribución e fabricación: implementa elementos como mención de distribución e de fabricación para casos moi específicos
- Relacións de manifestación equivalente para as emisións: o desenvolvemento dos campos de relación en RDA é unha gran oportunidade para relacionar estas variantes
En novembro do ano 2022 publicouse a edición RDA do Descriptive Cataloging of Rare Materials (Books), que ten moita sintonía co perfil de BNE, que supoñemos está a piques de publicarse tras dous anos de traballo e o seu paso polo Servizo de Publicacións da BNE.