No ano 2015 aprobouse o Real Decreto 635, que regula o depósito legal das publicacións en liña. Este real decreto desenvolve a Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, na que se consideran por primeira vez obxecto de depósito legal os sitios web e as publicacións en liña.
En Galicia, correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal, sendo a Biblioteca de Galicia a encargada de xestionar as competencias da Comunidade Autónoma en materia de conservación e preservación do depósito legal, segundo o disposto no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Forman parte do depósito legal todo tipo de sitios en liña e as publicacións que conteñan, sempre que inclúan patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual ou dixital da cultura galega.
A iniciativa do depósito legal en soporte non tanxíbel non está nos editores, senón nos centros de conservación; no caso galego, a Biblioteca de Galicia, en colaboración coa Biblioteca Nacional Española.
Procedemento de publicación
Existen varios xeitos de que as publicacións sexan depositadas. Unha delas é a captura automática, que se fai por medio de robots que recollen contidos que están libremente accesibles en internet. No caso das publicacións que están protexidas (ás que só é posible acceder mediante un usuario e contrasinal) ou das que non son capturables automaticamente (bases de datos, ebooks...), os editores acordarán coa biblioteca a maneira máis eficaz e sinxela para ambos de faceren o depósito.
Ás publicacións en liña conservadas mediante o procedemento do depósito legal electrónico non se lles asignará ningún número.
A única obriga dos editores e produtores é a de permitir que a Biblioteca de Galicia recade as súas publicacións ou a de facilitarlle o depósito cando lle sexa requirido.
En cumprimento coa lei, o acceso ás publicacións ingresadas por esta vía respectará a lexislación en materia de propiedade intelectual e de protección de datos de carácter persoal. Na Biblioteca de Galicia existen dous terminais seguros desde os que se poderán consultar estas publicacións solicitándollo ao persoal da biblioteca.
As cuestións relacionadas co depósito legal electrónico atenderanse no seguinte enderezo: deposito-epublicacions.bdg [at] xunta.gal (deposito-epublicacions[dot]bdg[at]xunta[dot]gal).
No Arquivo da web española pódense consultar os sitios web recadados pola Biblioteca Nacional Española en colaboración coas bibliotecas autonómicas.