A Biblioteca de Galicia

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establece que a Biblioteca de Galicia é a biblioteca central do Sistema Galego de Bibliotecas. Entre as súas funcións está a de recuperar, recoller, conservar, enriquecer e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia, así como a produción bibliográfica galega actual e tamén a relacionada co ámbito lingüístico e temático galego. Esta misión confírelle un carácter especial e diferente respecto do resto das bibliotecas galegas e fai que sexa un centro orientado de xeito preferente aos investigadores, aos estudosos e a aquelas persoas que están interesadas na cultura e nas letras galegas. 

A Biblioteca de Galicia, desde a súa sede na Cidade da Cultura, constitúese como o garante da conservación para as xeracións futuras do patrimonio bibliográfico de todas as galegas e galegos. Un patrimonio que actualmente non pode asociarse só ao que quedou impreso en papel, senón que abrangue unha ampla variedade de formatos, incluído o dixital, no que cada vez máis queda reflectido o saber e a historia dos pobos. 

A Cidade da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura impulsa proxectos innovadores no campo da cultura, o emprendemento e a tecnoloxía, en continua conexión coa esfera internacional. Concibida polo arquitecto Peter Eisenman na cima do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, esta cidade parece xurdir da terra como icona arquitectónica da Galicia contemporánea, dialogando coa Compostela milenaria, Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago. 

Este espazo acolle cinco centros destinados á cultura, ao emprendemento, á tecnoloxía e á investigación e colaboración interuniversitaria: o Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Centro de Emprendemento Creativo, o Centro de Innovación Cultural (CINC) e o Edificio Fontán, todos eles vinculados á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Ademais, o complexo conta con grandes espazos verdes nos que gozar da natureza, descansar, practicar deporte e hábitos de vida saudable ou asistir a espectáculos ao aire libre.

Cidade da Cultura de Galicia

Galiciana - Biblioteca Dixital de Galicia

Vinculada á Biblioteca de Galicia, a Biblioteca Dixital de Galicia é o escaparate que permite á cidadanía acceder aos fondos históricos ou a aqueles de interese público conservados nas bibliotecas galegas. Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia nútrese do traballo de dixitalización que as bibliotecas vinculadas á Dirección Xeral de Cultura están realizando de forma constante. A estes contidos súmanse outros fondos procedentes doutras bibliotecas e institucións da memoria e que, polo seu interese, merecen ser incluídos na plataforma. 

Os contidos accesibles de xeito libre a través da rede son aqueles nos que ou ben a Xunta de Galicia é a propietaria dos dereitos de difusión ou ben xa entraron en dominio público. Os seus fondos están integrados tamén nas grandes plataformas de acceso ao patrimonio cultural dixitalizado a nivel nacional e europeo, Hispana e Europeana, o que permite que cheguen a máis usuarias e usuarios. 

Descubrindo a Biblioteca de Galicia