Que é o Patrimonio Bibliográfico

O Patrimonio Bibliográfico de Galicia é un concepto xurídico, definido na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que podemos resumir como segue :

  • Fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural. 
  • Obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, tamén de especial valor cultural, tanto se son impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución, nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:
    • Inexistencia de, cando menos, tres exemplares idénticos en bibliotecas ou servizos públicos.
    • Anteriores a 1901.
    • Características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións etc.).

A propia lexislación obriga á Administración a protexer, conservar, acrecentar, difundir e fomentar o patrimonio galego. Na nosa comunidade autónoma esa responsabiliade está asignada á Consellería de Cultura, a través da Biblioteca de Galicia. 

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, dispón que unha das funcións da Biblioteca de Galicia é a de colaborar na elaboración e actualización permanente do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia (CCPBG), así como doutros posibles instrumentos de acceso común á información bibliográfica ou de acceso ao documento. Ademais obriga ás bibliotecas pertencentes ao Sistema Galego de Bibliotecas a comunicar á Biblioteca de Galicia a tenza de obras ou fondos bibliográficos integrantes do patrimonio bibliográfico de Galicia.