Desde o seu nacemento, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia ten como un dos seus principais obxectivos o cumprimento de tódalas normativas e directrices nacionais e internacionais que rexen a elaboración dun proxecto de dixitalización. Desde a descrición dos obxectos dixitais ata a utilización do protocolo OAI-PMH (Open Arquive Initiative-Protocol for Metadata Harvesting), vense articulados nunha serie de requirimentos técnicos que fan posible a interoperabilidade do proxecto Galiciana-BDG cos principais proxectos de dixitalización nacionais e internacionais, como son Hispana, Europeana e OAIster.
A dixitalización do patrimonio bibliográfico
Co obxectivo de que os proxectos de dixitalización en Galicia puidesen integrarse en Galiciana-BDG, xa desde 2011 a Biblioteca de Galicia comeza a redactar uns requisitos técnicos que definían as pautas básicas para cumprir cos principais estándares internacionais. As sucesivas actualizacións deses primeiros requisitos teñen actualmente como resultado os Requirimentos técnicos para proxectos de dixitalización de fondos bibliográficos en institucións da memoria de Galicia.
Este documento céntrase nas pautas a seguir para unha correcta dixitalización e identificación mediante esquemas de metadatos dos materiais vinculados ao eido bibliotecario (monografías, folletos, mapas, postais, publicacións periódicas, carteis ou fotografías). En ningún caso pretende ser un manual de dixitalización, senón simplemente un instrumento para o traballo en común e a coordinación dos proxectos que se están a realizar ou se realicen no futuro dentro do ámbito bibliotecario galego.
Trátase dun documento adaptado ás características e panorama actual das normativas e directrices nacionais e internacionais vixentes para estes procesos, e que require de constantes actualizacións que permitan adaptar o seu contido a futuros desenvolvementos neste ámbito de aplicación.
Documentos de referencia
De xeito particular, para a redacción destes requisitos foi fundamental o establecido nos documentos elaborados pola Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura, Requisitos técnicos para proyectos de digitalización de patrimonio bibliográfico y de prensa histórica, e pola Biblioteca Nacional de España, Proceso de digitalización de la Biblioteca Digital Hispánica.
Por último, resultou moi útil para a actualización dos requirimentos o documento final presentado polo Grupo de traballo sobre boas prácticas en dixitalización do Consello de Cooperación Bibliotecaria, e no que participou Galiciana-BDG. Referímonos ás Recomendaciones para proyectos de digitalización de patrimonio bibliográfico y fotografía histórica.
Máis información sobre requisitos para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia
Desde 2018, en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e co Arquivo de Galicia, elabóranse e actualízanse os estándares mínimos para a captura das imaxes e a asignación de metadatos que deben cumprir os proxectos de dixitalización que se leven a cabo sobre o patrimonio cultural galego. Realizar a transformación a formato dixital das diferentes tipoloxías do noso patrimonio cultural facilita o intercambio de recursos e fai posible que eses proxectos poidan ser agregados por Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia e preservados no repositorio de Memoria Dixital de Galicia.
Nos enlaces que se ofrecen a continuación pode atoparse toda a documentación necesaria para realizar de forma normalizada un proxecto de dixitalización de fondos bibliográficos ou arquivísticos.