Nas publicacións en soporte tanxible están obrigados a solicitar o número e constituír o depósito legal as persoas editoras con domicilio social en Galicia, calquera que sexa o lugar de impresión ou produción da obra.
No seu defecto, e segundo o tipo de publicación de que se trate, a obriga recae na persoa produtora, impresora, estampadora ou gravadora con domicilio social en Galicia.
Os suxeitos obrigados a constituír o depósito legal con sede social en Galicia que publiquen obras en linguas cooficiais doutras comunidades, deberán entregar na biblioteca ou centro de conservación designado por cada comunidade un exemplar máis do establecido segundo o tipo de publicación para ser conservado.
A Biblioteca de Galicia recibirá un exemplar de todas as publicacións en galego que se realicen en España. Este exemplar será depositado directamente polo editor ou suxeito obrigado ao depósito legal con sede social fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.