O depósito legal en Galicia

A xestión do depósito legal en Galicia é competencia da Xunta de Galicia, que exerce a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude das transferencias nesta materia realizadas pola Administración do Estado (Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo).

A Subdirección Xeral de Bibliotecas é o departamento encargado de coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación do depósito legal, correspondéndolle ao Servizo da Biblioteca de Galicia a xestión das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de depósito legal (Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude).

A nivel autonómico, en Galicia, o depósito legal regúlase por:

  • O Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal, en todo o que non se opoña ao disposto na lei estatal.
  • A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, que inclúe disposicións normativas sobre o depósito legal no seu capítulo VI. 
  • A Lei 5/2012, de 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, que establece que a Biblioteca de Galicia ten a función de velar polo cumprimento da normativa do depósito legal.