RDA obríganos a estar familiarizados cun novo vocabulario e novos conceptos que nos preparen para a transición porque a súa implementación terá un impacto inmediato nos profesionais das bibliotecas, sobre todo nos responsables do proceso de catalogación.
A base teórica das RDA son os modelos conceptuais FRBR (Functional Requirements for Bibliographic Records) e FRAD (Functional Requirements for Authority Data). Acercarse ás RDA sen ter coñecemento destes modelos fai complicado entender a súa organización interna e a comprensión do texto, xa que son os que se usan para analizar os datos bibliográficos e de autoridade. Xa non falamos de rexistros bibliográficos como na catalogación tradicional, senón de datos que poderemos reutilizar para crear novos datos, o que implica tamén interoperabilidade entre sistemas que dialoguen entre eles.
Esto significa que RDA é unha alternativa para a integración dos principios dos Datos vinculados (Linked Data) nos procesos de organización da información das bibliotecas. É dicir, as máquinas non poden captar toda a información que é obvia para calquera persoa. Neste sentido RDA non só fai unha descrición boa e clara segundo o modelo FRBR, senón que ademais mellora a usabilidade destes datos de tal xeito que facilitará a transición.
As RDA baséanse tamén no modelo descrito polo diagrama Entidade-Relación que é o utilizado pola maioría das bases de datos, e non están ligadas a ningún sistema de codificación nin linguaxe de marcado, senón que están pensadas para ser compatibles coas tecnoloxías da Web Semántica.
Os cambios significativos da linguaxe que os profesionais debemos integrar ao incorporarmos ao novo ecosistema bibliotecario con respecto ás anteriores normas de catalogación son outra parte do novo enfoque que representan as RDA.
Outras características do novo código que afectarán á práctica da catalogación son a maior literalidade e granularidade, e supostamente o formato MARC será substituído por Bibframe, un proxecto da Library of Congress deseñado como a mellor alternativa para crear un modelo diferente no que o importante non sexa agrupar elementos senón relacionar entidades. Mentres o modelo Bibframe non se consolide, o binomio RDA+MARC 21 proporciónanos campos concretos para cada atributo debullando o contido textual que se descompón en pequenas partes utilizables e comprendidas polas máquinas. Todos os campos novos de MARC 21 para RDA teñen no fondo este obxectivo.
A aplicación das RDA vai vinculada a unha transformación tecnolóxica, pero sobre todo a un cambio de mentalidade e dos procesos de traballo dos catalogadores á hora de interpretar e describir os recursos de información. Son o resultado da busca dunha solución que aproveite as posibilidades da tecnoloxía e dos cambios nas necesidades das persoas usuarias. Con RDA será máis fácil a incorporación á Web Semántica.