O depósito legal é a normativa que obriga a depositar, nunha ou máis bibliotecas, exemplares das publicacións editadas nun país.
Ten como obxectivo a compilación do patrimonio cultural e intelectual de cada país, co fin de garantir a súa conservación e poñelo a disposición da cidadanía, polo que debe ser contemplado como un ben democrático que asegura, tanto hoxe como para as xeracións futuras, o acceso ao legado cultural con fins de información e investigación.
Así, o depósito legal permítelle ao estado español, e ás comunidades autónomas con esta competencia, recoller exemplares das publicacións de todo tipo en calquera soporte, tanto tanxible como non tanxible, e destinadas por calquera procedemento á súa distribución ou comunicación pública, sexa esta gratuíta ou onerosa, co fin de preservar o seu patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual e dixital e facilitar o seu acceso con fins culturais, de investigación ou información.
O depósito legal regúlase a nivel estatal a través da Lei 23/2011, de 29 de xullo, de depósito legal, modificada pola Lei 8/2022, de 4 de maio; e do Real Decreto 635/2015, de 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña.
A Lei 8/2022, de 4 de maio, pola que se modifica a Lei 23/2011, de 29 de xullo, de depósito legal, actualiza a anterior normativa para adecuala ao actual escenario da creación cultural e editorial, incorporando novas tipoloxías documentais (como as publicacións de impresión baixo demanda, os catálogos comerciais de librerías, editoriais e poxas, os marcapáxinas ou os videoxogos, antes entendidos dentro dos documentos audiovisuais), e eliminando outras que carecen de valor bibliográfico nacional e poden ser conservadas por outras canles alternativas.