Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia é o repositorio do patrimonio bibliográfico da Xunta de Galicia, xestionado pola Biblioteca de Galicia. Ten como obxectivo a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para a nosa Comunidade. Para alcanzar tal obxectivo dixitalízanse fondos propios da Biblioteca de Galicia e tamén doutras institucións da memoria que custodian fondos bibliográficos destacados para Galicia, como a Real Academia Galega ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
A orixe da nosa biblioteca dixital remóntase ao ano 1997, cando o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, antecesor da Biblioteca de Galicia, pon en marcha un portal para ofrecer a dixitalización do patrimonio bibliográfico galego. No ano 2008, este primeiro portal é sustituído pola actual Galiciana-BDG, onde todas as dixitalizacións feitas ata esa data se reconverten en obxectos dixitais accesibles que cumpren coas normativas e directrices nacionais e internacionais de descrición. Estas dixitalizacións xa reconvertidas en obxectos dixitais accesibles gárdanse nun repositorio baseado no protocolo OAI-PMH (Open Arquives Initiative-Protocol for Metadata Harvesting) que fai posible a presenza de Galiciana-BDG nos principais proxectos de dixitalización nacionais e internacionais (Hispana, Europeana, OAIster).
Moitas das imaxes dixitalizadas que ofrece Galiciana-BDG trátanse coa tecnoloxía OCR (Recoñemento Óptico de Caracteres) permitíndolles aos usuarios facer consultas a texto completo. A posibilidade de buscar calquera termo sobre o texto das obras dixitalizadas supuxo unha auténtica revolución na investigación, pois aforra moito tempo nas tarefas de procura de datos.
Ademais da procura a texto completo, Galiciana-BDG ofrece outras formas de acceso ás súas obras dixitalizadas como, por exemplo, os micrositios. Un micrositio é unha web que está dentro dunha biblioteca dixital. É un portal creado para acceder máis fácilmente a un conxunto de rexistros do catálogo principal que teñen algunha característica en común.
Os micrositios que ofrece actualmente Galiciana-BDG a través do menú Destacados, recollen obras da mesma temática (p. ex. Orquestras de verbena galega) ou ben tratan de recompilar e ofrecer desde un único punto as dixitalizacións dunha determinada biblioteca ou centro de conservación (p. ex. o que recolle o fondo dixitalizado que se conserva na Real Academia Galega). Algúns son de carácter temporal, como os dedicados ao Día das Letras Galegas, mentres que outros son permanentes, como o micrositio dedicado ao Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia (CCPBG), que recolle a identificación e localización dos impresos pertencentes ao patrimonio bibliográfico galego, que se fixo durante máis de trinta anos.
Coa integración, durante os anos 2017-2018, da base de datos do CCPBG en Galiciana-BDG, prodúcese outro importante fito na súa historia e que cambia substancialmente a súa concepción, pasando de ser unha biblioteca exclusivamente dixital a converterse no catálogo de referencia para o patrimonio bibliográfico galego.