Desde o ano 2017, a estratexia de preservación de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia lévase a cabo en colaboración coa Oficina da Memoria Dixital de Galicia, entidade que depende da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA).
O proxecto Memoria Dixital de Galicia
A Oficina da Memoria Dixital é a unidade encargada de xestionar o proxecto Memoria Dixital de Galicia, un proxecto colectivo de preservación, valorización e difusión do patrimonio cultural de Galicia. Este proxecto baséase en tres instrumentos:
- Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, que impulsa unha máis sinxela e eficiente xestión do patrimonio cultural galego.
- Estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu apartado P15. Programa de cultura e turismo intelixente especifica como un dos seus obxectivos o desenvolvemento da Memoria Dixital de Galicia para a protección, preservación e difusión do patrimonio e identidade cultural de Galicia, favorecendo novas modalidades de consumo máis interactivas e participativas.
- A proposta de impulso dun marco institucional que permita a cooperación das institucións implicadas na xestión e preservación do Patrimonio Cultural de Galicia, as denominadas institucións da memoria.
A preservación no proxecto Memoria Dixital de Galicia
Concretamente no que incumbe á preservación dos fondos dixitais patrimoniais, a liña 3 de actuación do proxecto Memoria Dixital de Galicia, establece o seguinte: “preservación dos fondos dixitais patrimoniais, mediante a inclusión destes fondos conservados nas entidades implicadas no repositorio da Memoria Dixital e xestionados mediante un catálogo unificado e un sistema de preservación e recolección centralizado”.
Por outra banda, os Requirimentos técnicos para proxectos de dixitalización de fondos bibliográficos en institucións da memoria de Galicia establecen que os proxectos de dixitalización do patrimonio bibliográfico de Galicia han de estar constituídos por dúas entregas distintas: unha destinada á difusión das imaxes na web de Galiciana-BDG e outra destinada á introdución no repositorio de preservación do patrimonio cultural galego.
O repositorio de preservación de Memoria Dixital de Galicia permite que grandes cantidades de información estean custodiadas e accesibles coa única finalidade da súa conservación futura. A preservación dixital é un tipo de arquivado que pon o foco na información contida, en lugar de poñelo no ficheiro que a contén. Mediante técnicas como a evolución de formatos conséguese que a información que se preserva se manteña sempre dispoñible, consúltese agora ou dentro de dez anos. Trátase dun sistema de preservación full OAIS (Open Archival Information System) – ISO 14.721.
Este repositorio está compartido na actualidade polos dous proxectos de dixitalización do patrimonio bibliográfico e documental de Galicia, que son os proxectos Galiciana-Biblioteca Dixital e Galiciana-Arquivo Dixital.
Estándares de preservación
Seguindo as indicacións dos Requirimentos técnicos para proxectos de dixitalización de fondos bibliográficos en institucións da memoria de Galicia, todas as obras que formen parte da Memoria Dixital de Galicia teñen que levar asociado un arquivo METS de preservación para a súa inserción no sistema de preservación dixital da Xunta de Galicia. O obxectivo é recoller nun único ficheiro METS de preservación todos os metadatos descritivos, administrativos, técnicos e de preservación referentes aos arquivos que se xeran despois da dixitalización dunha obra.
Por tanto, establécese como obrigatorio a entrega dun ficheiro METS de preservación para cada obxecto dixital e os ficheiros TIFF que constitúen cada un deses obxectos dixitais. Estes metadatos obtéñense do Dicionario de Datos PREMIS. Tamén se incluirán no ficheiro METS de preservación información sobre dereitos de autor e de propiedade intelectual das obras orixinais e dos obxectos dixitais resultantes da súa dixitalización, seguindo o esquema METSRigths.
Actuacións presentes e futuras
Todos os proxectos de dixitalización do patrimonio bibliográfico realizados desde o ano 2019 están preservados no respositorio da Memoria Dixital de Galicia. En canto aos proxectos anteriores e que xa cumprían cos requisitos e estándares de preservación, estanse inserindo paulatinamente nesta plataforma. Proxectos máis antigos, que non seguen os actuais requisitos técnicos, iranse incorporando a medida que se poidan ir adaptando a eses requisitos, o cal implica un estudo e modificación de cada proxecto en concreto.