Que son as RDA?

As RDA son un novo código de catalogación e un dos alicerces no futuro dos catálogos na contorna da Web semántica. Porén este novo código non pode ser considerado como unhas regras ao uso a pesar de estar construído sobre as bases establecidas polas AACR2.

Exemplo de contido relacionado

As RDA priorizan os intereses e necesidades de información da cidadanía, xa que están pensadas para axudar aos usuarios e usuarias a descubrir información procedente das bibliotecas, arquivos, museos e outro tipo de comunidades relacionadas, facilitando as chamadas tarefas de usuarios que se concretan en:

  1. Atopar
  2. Identificar
  3. Seleccionar
  4. Obter
Tarefas de usuarios/as

RDA responde á pregunta de que datos se rexistran, pero non en que forma ou orde se presentan ou visualizan. É, polo tanto, un estándar de contido, non de presentación. A visualización dos datos dependerá das opcións tecnolóxicas que se adopten e das necesidades dos usuarios.

O seu obxectivo estratéxico é o de converterse nun estándar internacional para a catalogación de recursos no ámbito do patrimonio cultural coa finalidade de proporcionar directrices e instrucións para elaborar datos que faciliten o descubrimento de recursos.

O RSC (RDA Steering Committee), responsable do seu desenvolvemento e contido, define as RDA como:

Un paquete de elementos de datos, directrices e instrucións para crear metadatos de recursos de bibliotecas e patrimonio cultural que estean ben formulados de acordo cos modelos internacionais para aplicacións de datos enlazados centrados no usuario.