En decembro de 2019 a Biblioteca de Galicia celebrou unha xornada técnica sobre RDA que supuxo un primeiro acercamento á nova norma e o inicio da creación dunha sección dentro do Servizo da Biblioteca de Galicia para abordar o estudo da documentación e a viabilidade do proceso de transición desde a norma actual ás RDA.
En marzo de 2020, elaborouse unha primeira folla de ruta co obxectivo de planificar e difundir a nova norma na nosa comunidade, coas seguintes fases:
Primeira fase: decisións
Na primeira fase tomouse a decisión de adoptar RDA en liña coa BNE, outras bibliotecas e a tendencia internacional. Dado o contexto da rede galega con Koha nas bibliotecas públicas e municipais e Digibib para o patrimonio bibliográfico, decidiuse que o estudo de viabilidade cinguiríase a Galiciana, servizo xestionado pola Biblioteca de Galicia, e evitar así as posibles interferencias na actividade diaria dos centros.
Segunda fase: estudo e preparación de contidos
Na segunda fase, de preparación de contidos, comezamos un período de estudo da documentación posta a disposición pola ALA, a Library of Congress e a ofrecida pola BNE, a Biblioteca de Catalunya e o Servei de Biblioteca i Documentació da Universitat das Illes Balears, pioneiras no Estado español na implementación de RDA.
Con toda esa información elaboráronse unha serie de documentos básicos para a futura implementación do código, e creouse unha páxina web en Google Sites para poder informar e compartir os traballos que íamos realizando.
Participamos en diversas actividades de formación RDA e traballamos co programa RIMMF, RDA in many metadata formats, ferramenta informática desenvolvida por TMQ Inc., para realizar a catalogación de acordo co modelo FRBR. E por fin, comezouse a recatalogar en Digibib utilizando o perfil BNE e creando un banco de exemplos nos que se mostraban diferentes aspectos das novas normas máis afastados das prácticas actuais.
Comprobamos tamén os cambios necesarios no SIXB para solicitarllos á empresa propietaria de Digibib, algúns dos cales non eran posibles naquel momento e quedando á expectativa dos que si poderían realizarse.
Desde marzo de 2021 contamos cunha licenza RDA Toolkit que nos permite familiarizarnos coa ferramenta, estar ao día das modificacións e actualizacións, así como as súas ofertas de formación, moitas delas de balde.
Durante 2023, e tras a elaboración dunha lista de comprobación dos requisitos mínimos que deben ter os novos rexistros creados con RDA, elaborouse un Plan de adaptación de Galiciana-BdG ás RDA no que se definían os obxectivos, as vías de execución, os cambios masivos automáticos e a revisión manual tanto dos rexistros bibliográficos como os de autoridade.
Terceira fase: difusión e planificación
En cumprimento da fase de difusión fixéronse presentacións a nivel da Biblioteca de Galicia, participamos nunha mesa redonda sobre RDA xunto con outros representantes de bibliotecas coa RDA implementada, e compartiuse tanto a versión en galego do perfil BNE como a web informativa para dar a coñecer o proxecto na rede galega. Finalmente, decidiuse integrar toda esta información na nova páxina web da Biblioteca de Galicia.
Cuarta fase: implementación
A fase de implementación de RDA vai depender en gran medida dos cambios no SIXB e da nova documentación técnica que estamos elaborando:
- Listados de elementos básicos RDA
- Establecemento de niveis de catalogación e un nivel completo de descrición
- Recomendacións para o uso dos novos campos MARC
- Normas de convivencia dos dous tipos de rexistros nun catálogo híbrido
- Adaptación de novos procedementos de traballo
- Perfil de aplicación do Servizo da Biblioteca de Galicia
Nesta páxina iremos reunindo información actualizada sobre as actividades da Biblioteca de Galicia en desenvolvemento da implementación de RDA.
Bibliotecas universitarias galegas
A finais de 2022 as bibliotecas das tres universidades públicas galegas (USC, UDC e Uvigo) e o CISUG (Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia) acababan de implantar o SIXB ALMA da empresa Ex Libris, unha plataforma de nova xeración para a xestión dos servizos bibliotecarios, e Primo VE, unha ferramenta de descubrimento que indexa conxuntamente os catálogos, repositorios dixitais e recursos electrónicos para as tres bibliotecas.
ALMA é capaz de administrar todo tipo de recursos, dixitais e físicos, e contén os campos actualizados dos rexistros bibliográficos e de autoridade que admite RDA, podendo combinar o estándar con MARC ou Dublin Core, e BIBFRAME para a representación de datos bibliográficos como datos enlazados.
A febreiro de 2024, as bibliotecas universitarias de Santiago e de Vigo están traballando con RDA e ambas contan con cadanseu perfil de aplicación para RDA. A biblioteca universitaria da Coruña inda non comezou a traballar co seu perfil e só utiliza RDA nos rexistros capturados doutros catálogos que estean utilizando esta norma.