O formato MARC non é capaz de soportar a estrutura de datos baseada no modelo Entidade-Relación que propón RDA na implantación completa do estándar, xa que non achega a flexibilidade necesaria para explotar adecuadamente a estrutura baseada en FRBR. Co Formato MARC, os ordenadores poden ler, pero non comprenden. É dicir, o ordenador non comprende que “Ao voso gusto” representa a mesma obra que “As you like it” ou “Como gustéis” de Shakespeare. Tampouco que a obra orixinal ten varias adaptacións cinematográficas e para TV e tamén obras musicais.
RDA ofrécenos outra forma de catalogar pero tamén novas formas de encapsular a información para que esta non só sexa lexible para os ordenadores senón tamén comprensible para eles.
Tom Delsey, editor xefe do Joint Committee for Development of RDA (2004-2009), estableceu tres posibles escenarios de implementación que anos máis tarde, en 2020, o RSC (RDA Steering Committee) redefiniu para visualizar o verdadeiro potencial da contorna RDA e ilustrar o rango de configuracións posibles dos datos RDA:
- Escenario A: Datos abertos enlazados (Linked Open Data)
- Escenario B: Datos relacionais ou orientados ao obxecto
- Escenario C: Datos bibliográficos e de autoridade
- Escenario D: Datos de ficheiro plano
O Escenario A, ou de Datos abertos enlazados, que sería o escenario final, contempla a expresión dos conxuntos de metadatos en RDF (Resource Description Framework), que é un modelo de metadatos flexible para a estruturación de información das bibliotecas dixitais. Cada conxunto de metadatos describe unha soa entidade (OEMI-Obra, Expresión, Manifestación ou Ítem; en inglés WEMI-Work, Expression, Manifestation, Item) de axente, lugar ou espazo de tempo, e estas vanse relacionando entre elas para describir un recurso e relacionalo á súa vez con outros.
RDA desenvolveuse coa vontade consciente de representar unha ponte entre entornos pasados e futuros, sobre todo, porque non todas as bibliotecas progresarán ao mesmo paso.
Os diferentes escenarios de implementación fan posible as diferentes opcións nas que RDA poderá implementarse. As bibliotecas que xa implementaron RDA na súa maioría mantéñense nos escenarios B e C, o que implica que manteñen MARC como contedor e cambian o contido ao adoptar RDA en lugar das RCE ou AACR2.