EXPOSICIÓNS
Libros sobre reloxos. Colección José Luis Basanta
06 Outubro 2014
30 Novembro 2014
Libros sobre reloxos
Coordinador/a:
Daniel Buján e Elena Díaz del Río

Exposición dunha das mellores coleccións de libros de reloxos do mundo, doada por José Luis Basanta á Biblioteca de Galicia. Formada por máis de 450 volúmenes, inclúe manuscritos únicos, impresos desde o século XVI ata a actualidade e unha gran cantidade de obras de apoio, desde revistas ata bibliografías, catálogos, publicacións de libraría anticuaria e obras sobre temas afíns, como os instrumentos mecánicos e a medición do tempo.

José Luis Basanta, natural do municipio lucense da Fonsagrada, nace en 1924. Estuda Ciencias Químicas en Oviedo, onde se licencia en 1946. Le a súa tese en Madrid no ano 1951 e, logo de varios destinos como químico, termina por apousentar na contorna da cidadede de Pontevedra, onde reside desde o ano 1962.

Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia de 1974 a 1978, é, amais dun extraordinario e dedicado bibliófilo, un prestixioso investigador nos eidos da química (especialmente sobre alcaloides e temas relativos a plantas de celulosa e cloro) e o do papel, baixo os puntos de vista técnico e histórico. É tamén un grande estudoso do tema dos reloxos, en especial dos reloxos de pedra, aos que lles dedicou numerosas monografías, estudos e artigos. Desde a publicación en 1962 de Aportaciones al Theatro Chronométrico del Noroeste ata a recente segunda edición do magnífico volume de Los relojes de piedra en Galicia, J. L. Basanta non deixou de realizar numerosas, e ás veces fundamentais, achegas ao tema. A súa colección de libros verbo dos reloxos –unha das mellores do mundo– é un fiel reflexo do seu profundo interese pola ciencia da gnómica e, ao tempo, o resultado do seu constante devezo investigador.

A biblioteca de J. L. Basanta, que amais da súa excelente colección de libros de reloxos, contén unha non menos extraordinaria colección de obras científicas (uns 9.000 volumes en total), atópase actualmente depositada na Biblioteca de Galicia, á que lla legou no ano 2013.

A exposición recolle unha mostra representativa desta colección, na que se pretende resumir tanto o empeño bibliográfico do bibliófilo entusiasta coma o esforzo e o traballo do incansable investigador.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS