AVISOS
10/12/2020
A BIBLIOTECA DE GALICIA VOLVE A ABRIR AS SÚAS PORTAS NOS FINS DE SEMANA E FESTIVOS
Desde o próximo 12 de decembro a Biblioteca de Galicia retoma a apertura das súas instalacións os sábados, domingos e festivos en horario ininterrompido de 09:00 a 21:00 horas.

Como consecuencia da situación sanitaria que se está a vivir pola COVID-19, a Biblioteca de Galicia retomou a súa actividade o pasado 18 de maio cun horario reducido de apertura de luns a venres.

Durante todos estes meses a demanda social para o uso da súa sala de lectura nas fins de semana e os festivos non deixou de crecer. A Biblioteca de Galicia atende agora esta necesidade coa garantía de cumprir todas as medidas de hixiene e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención ante a COVID-19 nos equipamentos culturais.

A apertura das súas instalacións os sábados, domingos e festivos queda así habilitada para o uso da sala de lectura e a consulta da colección da biblioteca dispoñible en acceso aberto.

Os servizos de información bibliográfica especializada e a consulta dos fondos custodiados nos depósitos da biblioteca terá que realizarse de luns a venres.

A partir do 12 de decembro, nas fins de semana e festivos, os usuarios e as usuarias tamén poderán facer uso dos 45 postos de lectura cos que conta a Biblioteca de Galicia nestes momentos, garantíndose así a distancia interpersoal de 1,5 metros.

Igual que ocorre de luns a venres, o usuario/a que queira ocupar un dos postos de consulta deberá solicitalo no mostrador central da biblioteca. Neste contexto da COVID-19, os postos de lectura da BdG están numerados, polo que os usuarios/as teñen que ocupar o mesmo lugar que se lles asigna durante todo o tempo no que vaian a permanecer na biblioteca. O servizo de limpeza da Biblioteca de Galicia fará revisións periódicas cada dúas horas (2 horas) para desinfectar os postos que se atopen libres neses momentos.

A Biblioteca de Galicia lembra que é obrigatorio o uso permanente da máscara en todos os seus espazos e recomenda que as persoas usuarias acudan a ela de xeito individual. En todo caso, as persoas usuarias deberán respectar as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19, e, en particular, as relativas ao mantemento da distancia interpersoal.

Esta ampliación no seu horario de apertura non se aplica no período de Nadal 2020 para os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro do 2021, días nos que esta biblioteca permanecerá pechada.