AVISOS
12/05/2022
Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán na BdG
Exposición no Vestíbulo do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia

Maio-Setembro 2022

 

A Real Academia Galega resolveu dedicar as Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, California, 1987). A Biblioteca de Galicia, como todos os anos, quere sumarse a esta conmemoración cunha mostra bibliográfica que permitirá achegar aos cidadáns algunhas das obras que custodia nos seus fondos deste orixinal poeta, comprometido coa súa terra e coa defensa dos valores democráticos.

 

Foi Florencio Delgado Gurriarán un autor cuxa biografía percorre practicamente todo o galeguismo do pasado século XX, dende experiencias como a do Seminario de Estudos Galegos (1923), o Partido Galeguista, o rexurdimento literario dos anos 30 ou a defensa do Estatuto de Autonomía do 36, ata momentos tan dramáticos como a guerra civil (1936-1939) e o exilio.

 

Trátase, de feito, do primeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas que representa aos intelectuais do exilio mexicano, que ao igual que o bonaerense, frutificou en numerosas iniciativas culturais e proxectos editoriais de diversa índole.

 

Esta pequena exposición pretende mostrar a obra máis significativa do escritor ourensán e dar a coñecer os lugares onde transcorreu a súa vida; tanto as terras valdeorresas ás que tanto cantou nos seus versos, como as mexicanas que o acolleron e tamén influíron na súa poética, chegando a empregar, mesturadas, verbas crioulas autóctonas e termos galegos dialectais.

 

A exposición para conmemorar a figura de Delgado Gurriarán conta con arredor de 40 pezas, entre libros, xornais, cds ou revistas. Todas elas pertencen ás coleccións da Biblioteca de Galicia e permitirán achegarse a produción bibliográfica, tanto propia como allea, relacionada co homenaxeado no Día das Letras Galegas neste 2022. Os exemplares da revista Vieiros, fundada por Gurriarán en México e que proximamente poderá consultarse en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, os poemarios Bebedeira ou Galicia infinda, así como algúns dos máis recentes estudos sobre a súa figura, son só unha mostra das obras seleccionadas polos técnicos da Biblioteca de Galicia para contribuír a poñer en valor a figura do que foi un gran activista en prol da identidade cultural de Galicia.