AVISOS
01/03/2019
Marzo, mes da creatividade
Fragmentos de textos feitos cachizas
Efemérides mes de marzo do Calendario do Libro e a Lectura

Día da Narración Oral (20-marzo)

O día 20 de marzo festéxase o día da narración oral. Galicia, terra máxica, misteriosa, de climatoloxía melancólica que invita a guarecerse do inclemente tempo, deu durante séculos grandes narradores. Desde os grandes trobadores da ría de Vigo, o boca a boca foi a forma de transmisión de saberes e sensabores. O berce do cotiá dá orixe a historias e lendas mestura de lembranzas e vivencias presentes e pasadas que de forma espontánea buscan o camiño de facerse escoitar para non caer no esquecemento, tecendo así a malla de interconexión que non coñece barreiras no espazo-tempo e fornecendo a lingua que se enriquece con novos termos, usos e costumes das distintas latitudes. Foi así durante séculos. Sempre houbo contadores de contos ao redor das lareiras nas noites de inverno. Pero os tempos cambian e a xente escribe máis e fala menos. As TIC modernizan as formas de achegar información, para converteren o dito de 'unha imaxe vale mais que mil palabras' nunha verdade tanxible, mais a tradición oral é un patrimonio inmaterial que hai que coidar, porque un texto transmitido oralmente leva algo máis ca papel.

Este ano é Ano Europeo do Patrimonio Cultural (ir a exposicións)

 

Día da Poesía (21-marzo)

A poesía é como o chocolate. Ás veces doce como un bombón ou fresca como un chocolate de menta ou transgresora como un chocolate con sal, outras é dura e sólida como un chocolate amargo, pero sempre é auténtica porque sae das vísceras. Ábrenos á imaxinación, conéctanos coas emocións e déixanos ser. A poesía achega evolución ás sociedades. Cando empezamos a ler poesía cólleselle gusto e vólvese aditiva, como o chocolate

O día 10 obradoiro Poemas de chocolate (ir a axenda)

 

Día do Teatro (27-marzo)

O teatro é vida, é o espello onde poder vernos reflectidos.

Todos os textos teñen o fin de comunicar, de ser lidos, de sentirmos identificados con eles ou non. Todas as artes sen excepción tentan transmitir emocións mais cando se escribe teatro, o texto é pensado para a escena, cobra vida porque o teatro é pura vida. En repetidos instantes de representación o mesmo texto é distinto cada vez, a enerxía de actores e público é diferente en cada ocasión e isto o diferencia das outras artes. O teatro é o espello que nos devolve a nosa grandeza ou as nosas miserias, nos permite vivir o instante, soltar gargalladas reprimidas e bágoas contidas sen obrigas xustificatorias. O teatro e a sístole e a diástole no mundo das letras, a transparencia de momentos vividos onde poder recoñecérmonos.