AVISOS
01/02/2024
XESÚS "CHICHI" CAMPOS: O HUMOR DE TRAZO ELEGANTE
Mostra Xesús Campos
A Biblioteca de Galicia conmemora o Día da Ilustración 2024 cunha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado este ano, Xesús Campos

Xesús Campos (Tenerife, 1952-Santiago de Compostela, 1991) é o autor homenaxeado no Día da Ilustración que celebramos o trinta de xaneiro deste ano. A Biblioteca de Galicia participa nesta celebración cunha mostra bibliográfica que pretende dar unha imaxe de conxunto do humor e a visión do mundo dun home polifacético como foi “Chichi” Campos, un dos máis finos debuxantes da súa xeración, ademais de cronista perspicaz da política e a sociedade dos anos da transición en Galicia.

 

A mostra, que reúne unha escolma das publicacións nas que colaborou Xesús Campos, parte da Cova das choias, a primeira revista de banda deseñada galega, e chega até os últimos estudos e homenaxes adicados a súa obra.

 

Dentro do material exposto destaca especialmente a inclusión de documentos orixinais (debuxos, bosquexos e maquetas) rescatados do arquivo da revista Can sen dono. Este material brinda de primeira man unha ollada peculiar ao proceso de creación e edición nos anos previos á difusión da tecnoloxía dixital no mundo editorial e permite que o público se achegue ao máis xenuíno e orixinal humor de trazo elegante de Xesús “Chichi” Campos.

 

A BdG quere agradecer expresamente a Nico Campos, fillo de “Chichi”, a súa colaboración na organización desta exposición.