A Biblioteca de Galicia conmemora á homenaxeada do Día das Letras Galegas cunha nova mostra bibliográfica que celebra á Begoña xornalista e narradora
A Biblioteca de Galicia, como cada ano, pon en marcha unha nova mostra bibliográfica para conmemorar a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste 2026 a elixida pola Real Academia Galega foi Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 - Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014).
Homenaxéase de novo a unha voz feminina, que se une, nos últimos anos, á voz colectiva das cantareiras e ás voces singulares, valentes e transgresoras de autoras contemporáneas que nos deixaron de forma prematura, coma Xela Arias ou Luísa Villalta.
A exposición, comisariada polo técnico Lorenzo Romero Castro e que se poderá visitar no vestíbulo da Biblioteca de Galicia dende o 13 de maio ata finais do mes de setembro, celebrará a Begoña Caamaño xornalista e a narradora, facetas que constitúen as dúas caras dunha mesma moeda caracterizada pola ollada feminista sobre a realidade.
No xornalismo, tanto no papel coma nas ondas, atopou unha ferramenta para combater as inxustizas, a discriminación, as desigualdades e os privilexios. E desa observación atenta e rigorosa da realidade social xorde a narradora, que emprega a ficción para desfacer prexuízos e estereotipos que nos foron transmitidos a través dos mitos e para ir tecendo uns novos, dende a perspectiva feminista que percorre toda a súa escrita. En ámbalas dúas áreas, no xornalismo e na ficción, Begoña Caamaño apostou por darlle voz a quen tradicionalmente non a tivo e por intentar mudar as cousas e mellorar a vida das persoas.
Ana Santiso (https://santisoilustracion.com/) (@santisoilustracion) é a ilustradora que acompañará cos seus debuxos aos libros, revistas, xornais, e demais material bibliográfico que compón esta exposición: arredor de 50 pezas, case todas procedentes dos propios fondos da Biblioteca de Galicia, salvo tres documentos cedidos temporalmente pola Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Xornalista e narradora, dúas caras dunha mesma moeda
A mostra está estruturada en seis vitrinas. A primeira amosa obras que afondan na vida de Begoña Caamaño, tanto dirixidas ao publico adulto coma ao infanto-xuvenil. Libros de recente publicación que van dende biografías ao uso ata recreacións máis ou menos libres, pasando por entrevistas a persoeiros da cultura galega sobre a figura da homenaxeada.
A segunda vitrina recolle as súas colaboracións relacionadas co eido da música: os limiares para os libros-discos Rosalía pequeniña, de Uxía e Xiqui Xoque, fiú fiú!, de María Fumaça, así como a letra para o tema “Aquí em Baixo” do disco Danza das Areas, de Uxía.
A terceira e a cuarta céntranse no seu traballo xornalístico, cunha selección de cabeceiras nas que participou: xornais como A Nosa Terra, Abrente, Novas da Galiza ou DeLiberadamente, así como as revistas Tempos Novos, Cadernos ANT de pensamento e cultura, Grial, Festa da Palabra Silenciada ou Ar!, revista galega antimilitarista. Nelas tratou, sempre dende unha perspectiva crítica e feminista, temas como a situación da muller no ámbito laboral, especialmente nos medios de comunicación e na política; o independentismo; o antimilitarismo; as desigualdades económicas ou as condicións de vida no Terceiro Mundo, entre outros.
A quinta vitrina ocúpase das súas dúas novelas, nas que subverteu os roles que a tradición literaria lles viña atribuíndo ás mulleres: en Circe ou o pracer do azul reescribiu o mito da Odisea, mentres que en Morgana en Esmelle fixo o propio co mito artúrico. En ambas as dúas deulle protagonismo a figuras femininas que adoitaban quedar nun segundo plano e, sobre elas, construíu outro modelo de muller diferente.
A sexta e última vitrina mostra, por un lado, o resto da súa obra literaria (un texto para a obra colectiva Pel con pel e o que probablemente foi o seu derradeiro relato de ficción publicado, Pel azul e vermella) e por outro unha mostra das homenaxes que se lle foron realizando dende a data do seu pasamento (coma o acto “Begoñísima”, que tivo lugar no Teatro Principal polo seu cabodano e deu lugar á publicación de O libro das amigas; ou o cartel do primeiro Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade, que naceu no ano 2017) ata a actualidade, coa celebración da súa figura no Día das Letras Galegas.
Exposición polo Día das Letras Galegas 2026
Begoña Caamaño. Teccendo palabras para cambiar o mundo
Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia,
13 de maio - 30 de setembro de 2026
Comisario: Lorenzo Romero Castro
Ilustracións: Ana Santiso
Entrada de balde. A exposición pode visitarse no vestíbulo principal do edificio, no horario habitual da Biblioteca e Arquivo de Galicia.