Todas as facetas artísticas de Siro están reflectidas na mostra a través de máis de 50 pezas pertencentes ás coleccións do centro
Un ano máis a Biblioteca de Galicia contribúe á celebración do Día da ilustración coa inauguración da exposición A vida nun lapis na que se pon en valor a obra de Siro, o ilustrador homenaxeado este 2026.
Siro López, máis coñecido simplemente como Siro, toma o relevo de Xosé Vizoso como segunda persoa en vida a quen se lle dedica esta efeméride que se celebra desde 2017 e para a que se elixiu o mesmo día no que naceu Castelao.
Maila que é fundamentalmente recoñecido como caricaturista político e humorista gráfico, Siro é tamén un destacado retratista, debuxante e pintor. A súa creatividade non queda só restrinxida ao ámbito das belas artes, xa que ao longo da súa longa traxectoria profesional Siro tamén se revelou como un artista da palabra. O xornalismo, o ensaio ou incluso o teatro son eidos non que o “humor” de Siro tamén deixou e deixa a súa pegada.
Todas estas facetas de Siro estarán reflectidas na exposición posta en marcha pola Biblioteca de Galicia a través de máis de 50 pezas pertencentes as súas coleccións. Por tratarse dunha homenaxe no Día da ilustración será loxicamente a súa versión como debuxante, caricaturista e ilustrador a que terá maior peso na exposición. Os libros, láminas e publicacións seriadas dos fondos da Biblioteca de Galicia tratarán de mostrar aos visitantes algunhas das obras máis significativas de Siro, parte xa da nosa cultura. As viñetas diarias de La Voz de Galicia, a súa participación en revistas como Can sen dono ou Sapoconcho, a súa implicación en proxectos como o Museo de Humor de Fene, ou os seus debuxos homenaxe a grandes persoeiros como Picasso, Valle Inclán e Ramón Piñeiro estarán presentes na exposición A vida nun lapis.
O mesmo Siro di que “de ningún xeito son autodidacta, porque non deixei de estudar os grandes debuxantes que fun descubrindo”. A súa produción bibliográfica froito deste estudo tamén se mostrará na Biblioteca de Galicia, así como algunhas pezas orixinais cedidas polo propio Siro.
De novo neste ano 2026 a Biblioteca de Galicia contou coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) para poñer en marcha esta exposición homenaxe a este ferrolá nado no ano 1943 que non deixou de debuxar desde os tres anos e que maila que comezou como delineante na empresa metalúrxica Bazán foi quen de arriscarse para dedicarse de cheo ao mundo da ilustración. Esta homenaxe polo Día da ilustración 2026 confirma que ese risco valeu a pena e que Siro López Lorenzo conseguiu converterse nun dos ilustradores máis destacados e coñecidos de Galicia.
Información práctica
Siro. A vida nun lapis.
Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia
30 de xaneiro – 10 de maio de 2026
Comisaria: Rosario Crespo Amado (Biblioteca de Galicia)
Apoio técnico: Laura Romero (AGPI)
Inauguración: venres, 30 de xaneiro, ás 17.30 horas na sala Eisenman da Cidade da Cultura, visita guiada á mostra no vestíbulo do edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia a partir das 18.15 h.