A Biblioteca de Galicia inaugura nova exposición para celebrar o Día das Bibliotecas 2025
A Biblioteca de Galicia presenta a mostra bibliográfica Contando películas: a evolución do espectáculo cinematográfico en Galicia, un percorrido pola historia do cine na nosa comunidade desde os seus inicios ata a actualidade. A exposición, comisariada por Sabela Pillado Villaronga e coordinada pola técnica da biblioteca, Elena Díaz del Río López, está composta por máis de 200 pezas -libros, publicacións periódicas, carteis, programas de man e fotografías- e amosa como o cinema reflicte os cambios sociais, políticos e culturais vividos en Galicia ao longo dos séculos XIX, XX e XXI.
A exposición destaca aos pioneiros, como o empresario teatral Isaac Fraga ou A Bela Otero; a chegada do son e da cor, a censura, o auxe das salas de exhibición e a súa posterior crise, así como a profesionalización do cine galego. A través dos fondos propios da Biblioteca de Galicia e das pezas prestadas pola Filmoteca de Galicia, a Biblioteca Pública “Miguel González Garcés” da Coruña, a Biblioteca Pública “Ánxel Casal” de Santiago de Compostela e a Biblioteca Pública de Lugo, o público poderá descubrir a evolución e a riqueza do patrimonio cinematográfico galego.
A mostra compleméntase con reproducións electrónicas de novas publicadas no seu momento na prensa e que foi posible recuperar gracias aos proxectos de dixitalización levados a cabo en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, que documentan fitos como a chegada do cinematógrafo ou o impacto social das primeiras proxeccións.
A exposición poderá visitarse de balde na Biblioteca de Galicia durante o seu horario habitual dende o día 22 de outubro de 2025 ata finais do mes de maio de 2026.
Aceptación e desenvolvemento meteórico
De entre todos os espectáculos de entretemento, poucos contaron cunha aceptación e un desenvolvemento tan rápido e xeneralizado coma o cine. Desde a súa aparición a finais do século XIX, foi prontamente asimilado por unha sociedade ávida de novidades e de progreso. A súa evolución ao longo do século XX e parte do XXI é o reflexo da propia evolución da sociedade e dos seus cambios socioeconómicos, políticos, industriais e mesmo urbanísticos.
Esta exposición amosa a nosa comunidade como un reflexo do camiño seguido polo cine no eido nacional e internacional, desde o seu xurdimento ata as súas diferentes etapas (chegada do son e da cor, evolución da tipoloxía dos edificios...), e ao mesmo tempo mostra as nosas peculiaridades propias. Por outra banda, préstalle unha especial atención ao sector da exhibición, ao ser o que mellor reflicte estes feitos dada a súa vinculación co ámbito social.
Cunha estrutura cronolóxica, veremos como se desenvolve o cine en Galicia: a súa chegada; as primeiras proxeccións; os pioneiros; os cambios técnicos, políticos e históricos; a censura; o auxe inicial e o éxito durante décadas, e a crise que co tempo levou ao peche de tantas salas. Ademais, poderemos ver as formas de exhibición non comercial e a aparición e a consolidación do cine galego ata a súa profesionalización actual.
Para deixar constancia de todo isto, son esenciais os estudos de cine, tanto no ámbito autonómico coma local, as publicacións periódicas e o seguimento en xornais, nos que se trata o cine en Galicia, os seus profesionais, películas ou iniciativas. Todo isto conforma un rexistro fundamental que achega unha idea da evolución do cine na nosa comunidade, así como do cine galego en si.
Estrutura das vitrinas
- A chegada do cine a Galicia
- Os pioneiros
- O cine silente: 1900 a 1920
- O cine silente: a década dos vinte
- A chegada do cine sonoro e o período republicano
- A Guerra Civil (1936-1939)
- A época da autarquía: os anos corenta e cincuenta (1)
- A época da autarquía: os anos corenta e cincuenta (2)
- Anos sesenta, setenta e oitenta
- Dos anos noventa á actualidade
- A exhibición non comercial: cineclubs, xornadas e festivais
Información práctica
Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia
22 de outubro de 2025 - 31 de maio de 2026
Comisaria: Sabela Pillado Villaronga
Coordinadora bibliográfica: Elena Díaz del Río López
Agradecementos:
- Filmoteca de Galicia
- Secretaría Xeral da Lingua
- Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”
- Biblioteca Pública da Coruña “Miguel González Garcés”
Entrada de balde. A exposición pode visitarse no vestíbulo principal do edificio, no horario habitual da Biblioteca e Arquivo de Galicia