Luísa Villalta, a memoria dos sons

Imaxe

Luísa Villalta, a memoria dos sons é o título da exposición que organiza a Biblioteca de Galicia para celebrar o Día das Letras Galegas 2024.

A exposición conta con 6 vitrinas e 62 pezas, entre fotografías, documentos, CDs de música, libros e publicacións periódicas. Algunhas pezas son reproducións por ter unhas dimensións moi grandes.

Os documentos expostos proceden case todos do fondo bibliográfico da Biblioteca de Galicia, e ademáis, conta con fotografías procedentes do Arquivo Familiar, e outras de fotógrafos profesionais como Manuel G. Vicente, Xoán Piñón e Xurxo Lobato.

A estrutura da exposición atende aos seguintes grandes bloques sobre a figura de Luísa Villalta: 

  • Biografía
  • Activismo 
  • A súa relación coa música
  • A poesía
  • O teatro
  • A produción narrativa, ensaio

A autora da imaxe gráfica da mostra é Tamara Baz. A idea do seu cartel parte da “mousiké” grega, “a arte das musas” do que proven a palabra música. Un concepto da Grecia antiga que se refería ao compendio entre poesía (a arte da palabra), música (a arte do son) e a “orquestika” (a arte do movemento). Aínda que Luísa Villalta podería representar a “mousiké” en si mesma (de nova foi figurante de ópera), neste caso o “movemento” non é tan literal senón que representa o seu activismo. 

A música é omnipresente en toda a súa escrita e sempre defendeu esa unidade primitiva entre música e poesía. Tamara Baz tamén quixo aludir esteticamente co mundo clásico facendo un paralelismo á súa obra. Son moitas as ocasións nas que vencella a cultura clásica, literatura e mitos, co mundo contemporáneo como fonte de reflexión e información sobre o comportamento humano.