As mulleres de Castelao

Imaxe

A Biblioteca de Galicia organiza unha nova mostra bibliográfica para rematar o Ano Castelao co gallo da celebración do 75 aniversario do seu pasamento

A Biblioteca de Galicia súmase ao Ano Castelao cunha exposición na que as mulleres estreitamente vencelladas a súa figura asumen o protagonismo. Falamos de cinco mulleres que estiveron non detrás, senón a carón dun grande home, e que nos aproximan á figura do grande rianxeiro na súa condición de home, artista e político co gallo da celebración do 75 aniversario do seu pasamento.

O material exposto en As mulleres de Castelao procede na súa totalidade do fondo bibliográfico e documental da Biblioteca de Galicia, e comprende unha trintena de documentos nos que se inclúen libros, publicacións periódicas, materiais gráficos e audiovisuais. Parte do material exposto procede do depósito legal, outra parte consta de exemplares pertencentes a bibliotecas de autor, como as de Agustín Sixto Seco, Basilio Losada ou Alonso Montero.

Joaquina, Virxinia e Teresa

As persoas que se acheguen á Biblioteca de Galicia atoparanse cunha mostra que comeza pola nai, dona Joaquina Castelao Genme. As fotos de familia que amosamos compleméntanse con documentos da infancia de Daniel e debuxos que recrean a figura materna.

Ocúpase a segunda vitrina da figura de Virxinia Pereira, muller e compañeira inseparable de Castelao desde 1912 ata a súa morte. A selección documental sitúa aquí o foco na dimensión máis íntima de Castelao, desde os anos do noivado a derradeira etapa en Bos Aires.

A súa irmá Teresa comparece de seguido como encarnación do amor fraternal. Castelao non volvería a pisar terra galega desde xullo de 1936. De conservar a memoria do irmán e de facer fronte ás vicisitudes legais que afectaron á propiedade intelectual e os dereitos de autor da súa obra vaise encargar Teresa, a máis lonxeva das irmáns.

María e Maruxa

Outras dúas mulleres farán acto de presencia pola súa peculiar vinculación con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Unha delas é María Docampo, coa que Castelao entrou en contacto en Nova York, e que lle ía servir de interprete durante a súa estadía nos Estados Unidos. A outra, a actriz Maruxa Villanueva, lucense da aldea de Lousame, emigrada a Bos Aires e a que levará aos escenarios unha das obras más senlleiras desta icona da nosa cultura, Os vellos non deben de namorarse

A imaxe gráfica desta mostra corre a cargo da ilustradora viguesa Alba Casanova. Cunha forte pegada persoal e conceptual, empregando as linguaxes do debuxo, a fotografía e o colaxe, a interpretación de Alba das mulleres presentes na vida de Castelao aparece reflectida como as mans que o sostiveron, acompañadas de múltiples pistas que nos achegan ao periplo vital deste rianxeiro universal. 

Información práctica

As mulleres de Castelao

Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia
Decembro de 2025 - Marzo de 2026

Imaxe gráfica: Alba Casanova

Comisario: Fernando Recamán Solla

Agradecementos:

  • Fundación Castelao
  • Secretaría Xeral da Lingua

Entrada de balde. A exposición pode visitarse no vestíbulo principal do edificio, no horario habitual da Biblioteca e Arquivo de Galicia

As mulleres de Castelao