A Biblioteca de Galicia celebra o Día das Letras galegas cunha exposición dedicadas ás cantareiras homenaxeadas este 2025
"Tesoureiras do noso" é o título da exposición que a Biblioteca de Galicia organiza este ano 2025 co gallo das Letras Galegas. Nela achega ao público o material dispoñible na biblioteca relacionado coa nosa poesía popular oral, a homenaxeada deste ano.
A exposición está centrada nas cantareiras, esas mulleres que na sombra, conservaron e revitalizaron durante séculos un patrimonio que nos identifica especialmente.
Mulleres das aldeas, labradoras, mariscadoras…, que sen ser conscientes diso, e mailo desprezo e o pouco valor que se lles outorgou, mantiveron para as xeracións posteriores todo un saber e un tesouro de enorme importancia para Galicia. De aí o título da exposición.
A recolla dun patrimonio único
Ao longo do tempo, algunhas persoas ilustradas tiveron a sensibilidade de recoñecer o valor deste tesouro, polo que a exposición reúne unha boa representación dos libros con estas recollas. Estas inicialmente centráronse na palabra, pero foron engadindo partituras, bailegramas e, cando foi posible, rexistraron o son, a imaxe fixa e a imaxe en movemento.
Por iso ofrécese unha boa mostra de materiais audiovisuais coas voces e as cántigas e coplas que reuniron estas persoas. Ao mesmo tempo, tamén se mostran as creacións musicais posteriores que recollen e/ou revitalizan con aires contemporáneos esa tradición oral.
Entre os documentos tamén hai recortes de prensa, fotografías, comentarios de grandes recolleitadores de material como Dorothé Schubart, coautora con Antón Santamarina do “Cancioneiro popular galego”, considerada a Biblia da nosa tradición oral. Tamén destacamos a obra póstuma de Sarmiento onde deixa patente a importancia do papel das mulleres nesta tradición e a casete “Recolleita”, a primeira gravación feita en Galicia onde intervén unha pandeireteira. Dúas vitrinas conteñen material sobre as propias cantareiras homenaxeadas e sobre as anónimas, das que as primeiras non son máis ca unha pequena representación.
Dada a importancia da oralidade e a música nesta temática, a parte bibliográfica compleméntase cunha mostra audiovisual, onde poden verse documentais, actuacións e reportaxes de cantareiras e expertos, e escoitarse coplas e voces de moitas desas mulleres ás que agradecemos a súa habilidade, a súa creatividade e por suposto a súa memoria.
A Biblioteca de Galicia quere agradecer a participación nesta mostra bibliográfica de todas estas institucións, agrupacións e particulares:
- Museo do Pobo Galego
- APOI - Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade
- Corporación de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG)
- Real Academia Galega
- Radio Televisión Española (RTVE) – Galicia
- Asociación Coros e Danzas Eidos
- Agrupación Folklórica Aturuxo
- Acentral Folque
- Secretaría Xeral da Lingua
- Alejandro Gándara, Olaia Tubío
- Pablo Quintana
- Familia Teresa García Prieto
- Rogier Kappers e Joost Verheij
- Quique Peón
- Belén Mato
- Beatriz Busto Miramontes
- Domingo Blanco
- Marta Cao Cao
- Adrián Noia Vázquez
Información práctica
Tesoureiras do noso
Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia,
16 de maio - 30 de setembro de 2025
Comisaria: Carina Fernández Faya
Entrada de balde. A exposición pode visitarse no vestíbulo principal do edificio, no horario habitual da Biblioteca e Arquivo de Galicia