Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada

Imaxe

A Biblioteca de Galicia inaugura unha mostra que permitirá achegarse a algúns dos números máis significativos desta revista fundamental

A Biblioteca de Galicia acaba de inaugurar a mostra bibliográfica Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada, unha retrospectiva sobre unha das publicacións máis relevantes da cultura e sociedade galegas do século XX e da que se cumpre, neste 2024, cento quince anos da saída do prelo do seu primeiro número.

Con preto de 800 números publicados, Vida Gallega pode considerarse a revista ilustrada de maior tirada, lonxevidade e influencia social do seu tempo. De carácter rexionalista e conservador e dirixida a un público burgués, converteuse na ventá e vehículo transmisor e impulsor da riquísima actividade social e cultural que xeraba Galicia e que tiña o seu principal mercado nos galegos emigrados ao outro lado do Atlántico.

Aínda que a traxectoria de Vida Gallega se divide en dúas etapas, 1909-1938 e 1954-1963, debémoslle a súa existencia a Jaime Solá. Home polifacético, dedicou toda a súa vida ao mundo das letras e a Galicia a través da súa revista, cuxo primeiro número saíu en 1909 e continuou a súa andadura ata 1938, cando a Guerra Civil interrompeu a súa publicación. 

Case dúas décadas despois, José Iglesias Presa sería o encargado de recoller a súa testemuña. Tras adquirirlle os dereitos de Vida Gallega á viúva de Solá, en novembro de 1954 comeza a que é coñecida como a segunda etapa da revista, que duraría dez anos máis, até a primavera de 1963.

Fotografía, ilustración, artigos de todo tipo e unha publicidade do máis expresiva son os catro piares da revista. A través dunha rede de máis de 400 correspondentes entre Galicia e Latinoamérica e grazas ás achegas de grandes artistas como Castelao, Álvaro Cebreiro ou Urbano Lugrís e ás sinaturas de toda a intelectualidade galega do momento, Vida Gallega compón un retrato da evolución sociopolítica de Galicia e dos seus veciños, tanto da terra como de ultramar.

A mostra da Biblioteca de Galicia, que se poderá visitar ata finais de xaneiro do 2025, permitirá achegarse a algúns dos números e noticias máis significativos desta revista fundamental para a nosa historia. Todos eles pertencen á colección da propia biblioteca, que nos últimos meses se viu incrementada polas doazóns de Fernando Herce Meléndrez e da Biblioteca Pública de Sada.

Como complemento das pezas físicas, a exposición conta coa interpretación gráfica que a ilustradora Rosa de Cabanas fixo desta publicación, que posúe múltiples lecturas e que se converteu nun referente para a investigación da sociedade galega.

Información práctica

Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada

Mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia, 
Novembro 2024-Xaneiro 2025

Comisarias: Ángela García Núñez e Charo Alonso Cerdeiras

Entrada de balde. A exposición pode visitarse no vestíbulo principal do edificio, no horario habitual da Biblioteca e Arquivo de Galicia

Cartel Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada