A Biblioteca de Galicia celebra o mes da ciencia con varios obradoiros destinados a público familiar
Como sabemos a idade dos peixes? De que tamaño é unha lura cando nace? Cal é o animal máis abundante do océano? Como medran as bacterias?
A través desta actividade daremos resposta a estas cuestións dun xeito ameno e divertido. Empregaremos lupas binoculares propias dun laboratorio e observaremos unha gran variedade de obxectos e individuos que forman parte do traballo de investigación que se leva a cabo no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.
O obradoiro comezará cunha pequena mostra de como é o funcionamento dunha lupa binocular. A continuación pasaremos á acción, coa observación directa do marabilloso mundo microscópico a través das lupas. Contaremos con 10 obxectos científicos e será a rapazada participante, a través dun pequeno xogo e coa axuda dunhas fichas, a que intentará adiviñar que ou a quen ten diante dos seus ollos.
A actividade rematará cunha posta en común de todo o material observado e con ideas alternativas para construír unha lupa propia na casa!
Información práctica
Sábado 9 de novembro, de 17.00 a 18.30 horas
Aula I da Biblioteca de Galicia
Público: 8 a 12 anos
Imparte: Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC
De balde, previa inscripción na web