Día do Teatro na Biblioteca de Galicia 2024
Culturactiva Producións achéganos á Biblioteca de Galicia, para celebrar o Día do Teatro, unha fermosa aventura cunha compañía de luxo. Fina Calleja dirixe unha peza con Mónica Caamaño e Anabel Gago en escena partido do marabilloso texto de Paula Carballeira publicado por Galaxia, As alumnas.
Este espectáculo dirixido a público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación, especialmente para as mulleres. Así, a educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.
Ao remate da representación teatral poderase participar nunha charla coloquio coa autora do libro, Paula Carballeira, na que falará das súas impresións á hora de escribir o texto, e tamén responderá a todas as preguntas e dúbidas que teña o público asistente.
As Alumnas gañou o premio Nacional de Literatura Dramática 2023, o premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro e o premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade 2023.
Info práctica
19.00 horas
Auditorio Neira Vilas
Público: adulto
Duración: 60 min
De balde, previa reserva na web https://www.cidadedacultura.gal/